O paso dos temporais de alto impacto que se sucederon durante todo o inverno provocaron cuantiosos danos nas infraestruturas e equipamentos municipais.
Así, o Concello identificou ata 41 actuacións que serán necesarias para reparar os estragos causados pola choiva e o vento que acompañaban a estes fenómenos adversos.
Dous foron, fundamentalmente, os temporais que segundo os servizos técnicos municipais provocaron maiores desfeitas, a borrasca Claudia, que azoutou Galicia en novembro; e a borrasca Harry, que o fixo en xaneiro.
O goberno municipal cifra todos estes danos en 4.037.660,23 euros, que será a cantidade que se solicitará ao Estado no marco das axudas activadas tras a declaración de Galicia como zona especialmente afectada por emerxencias de protección civil.
É a figura que antes se coñecía como zona catastrófica e, con esta petición, o goberno municipal pontevedrés quere repor infraestruturas que colapsaron polo efecto directo das precipitacións e o vento.
"Non aproveitamos nada. Houbo todos estes danos", garantiu o edil César Mosquera, que defendeu que os técnicos municipais foron minuciosos no seu estudo.
Entre os danos máis cuantiosos atópase a cuberta do Recinto Feiral, para a que se piden 750.000 euros porque sufriu unha gran deterioración e haberá que cambiala.
Outros 743.000 euros serán necesarios para reparar unha rotura provocada polos desprendementos de terra e a caída de árbores sobre o colector de saneamento do Gafos, no ámbito da estación intermodal.
A eles sumaranse 270.000 euros para a nova canalización subterránea na Rúa do Santo ou case 230.000 para a posta a punto da Illa das Esculturas, onde quedaron esnaquizados os camiños, as pradarías degradáronse e danáronse as pasarelas de madeira.
Ademais, Pontevedra cuantifica en 208.000 euros o cambio de cuberta no pavillón do colexio de Lérez, en 150.000 euros os danos en parte da cuberta de Pasarón ou en 90.000 euros a mellora da capacidade da rede de pluviais en Fernando Olmedo.
As reclamacións remitidas á Subdelegación do Goberno tamén inclúe melloras e arranxos en diversos centros sociais (Ponte Sampaio, Teatro Principal, Casa Azul ou Campañó), a praia fluvial e a senda do Lérez, a contorna da Xunqueira de Gándara e numerosos camiños rurais.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.