Un roteiro para ver, escoitar, tocar, cheirar e axudar

Pontevedra
20 de xuño 2026

Segunda xornada de "Pontevedra cos 5 sentidos", un percorrido inclusivo e solidario que reuniu a decenas de participantes para visibilizar a realidade das persoas con parálise cerebral

Roteiro Pontevedra cos 5 sentidos
Roteiro Pontevedra cos 5 sentidos / Concello de Pontevedra

As rúas e prazas do centro histórico de Pontevedra acolleron este sábado a segunda edición de "Pontevedra cos 5 sentidos", un percorrido inclusivo e solidario que reuniu a decenas de participantes co obxectivo de visibilizar a realidade das persoas con parálise cerebral e promover unha oferta de lecer e cultura accesible para toda a cidadanía.

A iniciativa, organizada pola asociación Amencer-ASPACE e a Asociación Española Contra o Cancro (AECC) de Pontevedra, contou co apoio da Concellería de Benestar Social e de diversas empresas locais. A coordinación técnica do evento correu a cargo de Galiwonders.

A actividade comezou pola mañá na Praza de España, desde onde partiron distintos grupos para percorrer algúns dos espazos máis emblemáticos da cidade.

Participantes no roteiro "Pontevedra cos 5 sentidos"
Participantes no roteiro "Pontevedra cos 5 sentidos"    Concello de Pontevedra

Durante o itinerario, os participantes gozaron dunha experiencia multisensorial que incluíu obradoiros, demostracións de oficios tradicionais, propostas vinculadas ao mar e diversas actividades culturais deseñadas para fomentar a participación de persoas de todas as capacidades.

O carácter solidario da xornada estivo presente desde o inicio. Os fondos recadados mediante as inscricións e as achegas realizadas a través da denominada "Fila 0" destinaranse ao desenvolvemento do proxecto "Coidamos aos coidadores", un programa de benestar emocional dirixido a familiares e profesionais coidadores de persoas con parálise cerebral, outros trastornos neuromotores e pacientes oncolóxicos.

A iniciativa beneficiará a usuarios de Amencer-ASPACE e da AECC de Pontevedra, así como a persoas con discapacidade ou que atravesan procesos de enfermidade.

A xornada concluíu pasadas as dúas da tarde no Campiño de Santa María, onde os asistentes puideron gozar dunha actuación en directo do grupo Gold & Colt, poñendo o broche final a unha mañá marcada pola solidariedade, a sensibilización e a convivencia.

Os organizadores destacaron a boa acollida desta segunda edición e subliñaron a importancia de seguir impulsando actividades que contribúan a construír unha sociedade máis inclusiva, á vez que se xeran recursos para apoiar a quen desempeñan labores de coidado, moitas veces invisibles pero fundamentais.