O impacto do mega brote de covid-19 derivado de viaxes de estudantes de toda España a Mallorca segue crecendo e disparando os casos activos en todo o país. Galicia tamén confirma a tendencia e este venres xa ascenden a 184 o total de positivos con relación confirmada con esas viaxes, ademais doutras preto de 500 persoas en corentena por ser contactos estreitos de positivos.
Esta tendencia confírmase na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, que este venres volveu a detectar 60 novos positivos por covid-19. Ademais, co paso dos días, consolidouse como a zona de Galicia con máis afectación, con 125 casos activos, o 68% dos casos de toda Galicia.
En toda a provincia hai 139 casos, de modo que o 75% do total de positivos deriviado do mega brote en Mallorca concéntranse nesta provincia. Dentro da provincia, ademais, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés é a que ten maior incidencia, con 125 casos activos con relación co ocorrido en Baleares. Os outros 14 son da área sanitaria de Vigo.
En canto ás outras provincias, hai 24 casos na Coruña, 17 en Lugo e 4 en Ourense.
Para tentar conter a expansión do brote, o Servizo Galego de Saúde convocou para toda a fin de semana cribados voluntarios con PCR tanto ao alumnado de bacharelato e Formación Profesional de Pontevedra como á poboación nova de Marín e Vilaboa. As probas centraranse en persoas de menos de 20 anos nos tres municipios