Pontevedra reunirá a 250 profesionais no XIII Congreso Vetnoroeste sobre innovación e retos veterinarios

Pontevedra
27 de maio 2026
Actualizado: 12:53

Trátase dun encontro de referencia para o sector veterinario que incluirá obradoiros, relatorios clínicos, unha mesa redonda sobre o futuro da profesión e unha exposición comercial

María Magariños e Miguel Anxo Fernández Lores
María Magariños e Miguel Anxo Fernández Lores /

O Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá os próximos 5 e 6 de xuño a décimo terceira edición do Congreso Vetnoroeste, unha das principais citas do ámbito veterinario en Galicia.

O encontro, organizado baixo a lema "Coidándoos, coidámonos", congregará a ao redor de 250 profesionais do sector, ademais de patrocinadores e persoal técnico vinculado ao evento.

A presentación oficial tivo lugar este mércores coa participación do alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, e da presidenta do Colexio Oficial da Profesión Veterinaria de Pontevedra, María Magariños Canteiro.

O congreso contará con especialistas procedentes de distintos puntos de Galicia, así como de Madrid, Málaga e Londres. O programa combinará obradoiros prácticos, conferencias clínicas, mesas de debate e unha zona expositiva na que participarán 14 empresas do sector veterinario.

Durante a presentación, Fernández Lores destacou o impacto positivo deste tipo de eventos na actividade económica da cidade, especialmente fóra da tempada estival.

O rexedor definiu Vetnoroeste como "un clásico" dentro do calendario congresual pontevedrés e valorou positivamente a organización horaria do encontro, sinalando que o inicio das actividades á primeira hora da mañá favorece que moitos asistentes cheguen a véspera e prolonguen a súa estancia na cidade.

Pola súa banda, María Magariños subliñou a consolidación do congreso en Pontevedra e reivindicou o papel crecente da veterinaria na sociedade actual.

A presidenta do colexio profesional incidiu na importancia do enfoque "One Health", que relaciona a saúde humana, a saúde animal e a saúde ambiental, e defendeu a necesidade de manter unha formación continua de alto nivel nunha profesión "fundamental" para a saúde pública.

O Congreso Internacional de Innovación en Medicina Veterinaria exponse como un espazo de intercambio científico e profesional no que investigadores, clínicos e estudantes compartirán experiencias e avances relacionados co benestar animal, a prevención de enfermidades e as novas tecnoloxías aplicadas ao diagnóstico e tratamento veterinario.

O programa científico abordará cuestións como a cirurxía avanzada, a oncoloxía veterinaria, a radioloxía, as enfermidades renais en gatos ou as patoloxías dixestivas en pequenos animais.

Tamén se desenvolverán talleres precongreso centrados en cirurxía cutánea reconstrutiva e casos clínicos de quimioterapia práctica.

Entre os relatores figuran profesionais como Manuel Jiménez, Noemí del Castillo, Daniel Barreiro, Aldara Eiras, Vânia Evaristo y Andrea Juan Doallo, que ofrecerán distintas sesións técnicas e clínicas durante as dúas xornadas.

A programación concluirá o sábado cunha mesa redonda dedicada ao futuro da profesión veterinaria, un debate orientado a analizar os desafíos actuais do sector e a súa evolución nos próximos anos.