Pontevedra continúa en prealerta por escaseza de auga nos sistemas do Lérez

Pontevedra
24 de xullo 2026
Actualizado: 16:16

Entre os concellos afectados atópanse Barro, Bueu, O Campo Lameiro, Cerdedo Cotobade, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Sanxenxo ou Vilaboa

Reunión celebrada pola Oficina Técnica da Seca Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia manterá a situación de prealerta por escaseza moderada de auga nos sistemas do río Lérez, que afectan a boa parte da provincia de Pontevedra.

Tras a reunión celebrada este venres pola Oficina Técnica da Seca, presidida polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, estableceuse unha medida de seguimento intensivo para avaliar os caudais e as condicións metereológicas, así como un reforzo do control sobre os sistemas de abastecemento.

Nesta situación atópanse Beariz, Barro, Bueu, O Campo Lameiro, Cangas, Cerdedo Cotobade, A Estrada, Forcarei, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Sanxenxo, Silleda e Vilaboa.

Ademais, mantéñense medidas equivalentes á prealerta, aínda que sen declaración formal, no subsistema de Baiona, dentro da unidade territorial do río Verdugo, do que depende o seu abastecemento.

Ante esta situación, a Xunta fai un chamamento á cidadanía para extremar o aforro de auga, evitando consumos elevados como o enchido de piscinas, o baldeo con auga potable e a aposta por hábitos máis eficientes no fogar.

Así mesmo, recomenda aos concellos reducir os usos non esenciais, como a limpeza de rúas ou a rega de parques, e reforzar a vixilancia dos indicadores para anticipar posibles episodios de escaseza.

No conxunto da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, a situación xeral mantense en niveis de normalidade, cos encoros ao 83,09% da súa capacidade, aínda que un 10,7% por baixo dos niveis rexistrados hai un ano.

Fóra da provincia de Pontevedra, a Xunta tamén mantén a prealerta por escaseza moderada no sistema do río Anllóns e na Costa da Coruña até o límite con Arteixo, afectando os municipios de Arteixo, Cabana de Bergantiños, Carballo, Cerceda, Coristanco, Culleredo, A Laracha, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Tordoia e Zas.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora