Pontevedra contratará once mulleres vítimas da violencia machista

Pontevedra
09 de decembro 2019

Todas as beneficiarias deste programa, unha iniciativa da Secretaría Xeral de Igualdade, son mulleres que residen en Pontevedra. Os seus novos postos de traballo estarán en diferentes servizos municipais, en base ás súas capacitacións profesionais e as súas respectivas formacións académicas

Entrada das dependencias administrativas do Concello na rúa Michelena
Entrada das dependencias administrativas do Concello na rúa Michelena / Mónica Patxot

Once mulleres que foron vítimas da violencia machista comezarán a traballar en breve no Concello de Pontevedra. Farano a través dun programa, subvencionado pola Xunta de Galicia, que lles permitirá acceder a un contrato laboral durante un ano.

En concreto, o Concello recibirá 304.000 euros para financiar estas contratacións.

Todas as beneficiarias deste programa, unha iniciativa da Secretaría Xeral de Igualdade, son mulleres que residen en Pontevedra. 

Os seus novos postos de traballo estarán en diferentes servizos municipais, que non se detallaron para protexer a súa identidade, en base ás súas capacitacións profesionais e as súas respectivas formacións académicas.

A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, celebrou a posta en marcha desta iniciativa, ao entender que supón un "paso necesario" para visibilizar a este colectivo e para que estas mulleres poidan lograr a súa plena inclusión laboral.

Para acceder a estes contratos, as mulleres debían estar inscritas no servizo público de emprego de Galicia, cesar a convivencia co seu agresor e acreditar ser vítima da violencia machista.

Para isto último, debían achegar, entre outros, unha sentenza xudicial, un informe da Fiscalía ou dos servizos sociais ou unha certificación de ter unha orde de protección.

RENOVACIÓN DO QUIOSCO DA ILLA DAS ESCULTURAS

A Xunta de Goberno, ademais, concedeu un ano máis de prórroga ao concesionario do quiosco situado na Illa das Esculturas, á beira do parque infantil. É o terceiro do máximo de dez anos no que poderá explotar esta instalación. Para iso terá que abonar ao Concello un canon de 3.479,07 euros.