Pontevedra contratará unha ducia de axentes para cubrir xubilacións na Policía Local

Pontevedra
25 de marzo 2019

A oferta de emprego público de Pontevedra para 2019 cinguirase, case exclusivamente, a cubrir as vacantes que deixan as xubilacións na Policía Local. O Concello aprobou este luns contratar quince novas prazas no persoal municipal, das cales doce serán para este corpo de seguridade cidadá

Recepción do alcalde aos policías locais que se xubilan
Recepción do alcalde aos policías locais que se xubilan

A oferta de emprego público de Pontevedra para 2019 cinguirase, case exclusivamente, a cubrir as vacantes que deixan as xubilacións na Policía Local. O Concello aprobou este luns contratar quince novas prazas no persoal municipal, das cales doce serán para este corpo de seguridade cidadá.

En concreto, o goberno municipal iniciará o proceso para cubrir dez prazas de policía, que serán de acceso libre, e outras dúas -de promoción interna- para prazas de oficial.

Ademais, sairán a concurso-oposición dúas prazas de bombeiro-condutor e unha praza de técnico medio de xestión.

A intención do Concello é que este proceso se complete antes de que termine o ano.

Xunto con esta oferta de emprego público, o Concello tamén aprobou as bases para abrir unha listaxe de traballadores interinos para cubrir vacantes en varios postos como técnico de administración xeral, técnico de arquivo, informáticos, traballadores sociais e psicóloga do Centro de Información á Muller (CIM).

RECEPCIÓN AOS AXENTES QUE MARCHAN

Este anunciou coincide coa recepción que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ofreceu este luns a sete axentes da Policía Local que se xubilan.

Tratábase de José Luis García Méndez, José Benito Suárez Pazo e José Luis Marcial López, que marchan tras 40 anos de servizo; José Alberto Cal Fernández, que deixa a Policía tras 39 anos; e Ramón Reguera Reguera, Servando Rodríguez Peña e Joaquín Álvarez González, que completaron case 34 anos no corpo.

Todos eles recibiron unha placa conmemorativa e o alcalde agradeceulles o traballo realizado durante a súa vida profesional ao servizo de todos os pontevedreses e desexarlles a todos o mellor na nova etapa da súa vida.

Os policías xubilados no primeiro trimestre do ano acolléronse á xubilación anticipada, aínda que nalgún caso o adianto foi tan só dun poucos meses. Hai unha oitava axente xubilada nesta quenda e ao longo do ano sumaranse outros catro axentes á listaxe de retirados.