O modelo urbano de Pontevedra abrirá o Ciclo de Boas Prácticas en Iberoamérica, unha serie de conferencias que recolle unha mostra de proxectos urbanos de diferentes países deste ámbito. Os organizadores deste ciclo, entre os que se encontra a Universidade Autónoma de Barcelona (UAB), optaron porque a nosa cidade abrise as intervencións ao ser o municipio galardoado polos premios ONU-Hábitat, que se entregarán en Dubai.
Ata a cidade condal trasladaranse, o próximo 11 de febreiro, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; e o concelleiro de Ordenación do Territorio, César Mosquera. Ambos os dous serán os encargados de expoñer os detalles do modelo urbano pontevedrés, que segundo destaca a UAB, "se guía por un concepto de cidade no que o ser humano e as súas actividades son os absolutos protagonistas da vida urbana".
A conferencia será transmitida 'on-line' para España, Portugal e un total de vinte países de Latinoamérica, entre eles, Brasil, Arxentina, México, Colombia ou Venezuela. Espérase unha audiencia aproximada dunhas 2.000 persoas.
César Mosquera, que recordou que o Concello de Pontevedra recibiu numerosas solicitudes de universidades para debater sobre o modelo urbano da cidade, afirmou que o goberno municipal decidiu aceptar esta proposta " porque nos pareceu a máis interesante".
Aproveitando esta viaxe a Barcelona, Fernández Lores e Mosquera manterán un encontro con membros do departamento de Xeografía Urbana da Universidade Autónoma de Barcelona. Con eles estudarase a posibilidade de asinar un convenio, despois de que mostrasen o seu interese en "explorar e concretar" liñas de investigación e teses doutorais sobre aspectos do modelo urbano de Pontevedra.