Pontevedra dálle a volta á parálise cerebral

Pontevedra
02 de outubro 2019

Amencer Aspace sumouse este mércores ao Día Mundial da Parálise Cerebral coa lectura dun manifesto na Praza da Ferrería na que participaron traballadores, familiares e afiliados para dar visibilidade aos seus problemas

Amencer Aspace súmase ao Día Mundial da Parálise Cerebral na Ferrería
Amencer Aspace súmase ao Día Mundial da Parálise Cerebral na Ferrería / PontevedraViva

Con motivo do Día Mundial da Parálise Cerebral, a asociación pontevedresa de Amencer Aspace reuniu na praza da Ferrería a unha ampla representación dos seus afiliados para "dar a coñecer a nosa problemática, como tentamos conseguir a nosa normalidade, como reivindicamos os nosos dereitos e deberes, o que necesitamos e que nos axuden a levar esta tarefa a termo", resumiu o presidente do colectivo, Carlos Godoy.

O acto, que se celebrou de forma simultánea en todas as cidades de España na que hai algunha asociación relacionada coa parálise cerebral, consistiu nunha concentración nesta céntrica praza e na lectura dun manifesto por parte de colaboradores, afiliados e familiares de Amencer Aspace.

"Pedimos atención en todos os ámbitos, durante toda a vida e sen importar o lugar de residencia; coordinación entre os servizos sanitarios e sociais; investigacións sociais para determinar as necesidades reais das persoas con parálise cerebral e recursos suficientes en todas as comunidades autónomas", recollía o manifesto.

O lema deste ano, e que se converteu en tema de tendencia ás doce horas, é Dálle a Volta. Unha iniciativa coa que este colectivo anima ao resto da sociedade a poñerse no lugar dunha persoa con parálise cerebral. "Que pensen que pasaría se o mundo fóra ao revés, se fora a maioría a que tivese esta patoloxía", explica Godoy.

Os problemas que teñen que afrontar cada día estas persoas afectan a todos os ámbitos da súa vida. "Non só á accesibilidade física a unhas instalacións, tamén ás redes sociais, aos medios de comunicación. Teñen tamén problemas sanitarios, educativos, sociais, etcétera. Ao ser diferente sempre vas ter problemas dalgunha maneira", admite o presidente de Amencer Aspace.

Nesta asociación, que atende a 140 afiliados, ofrecen ás persoas con parálise cerebral un servizo integral desde as idades máis temperás ata a etapa adulta. "Cando as familias se achegan a nós ofrecémoslles un servizo de asesoramento e valoración para ver onde encaixaría mellor o seu fillo. Logo temos un programa de atención temperá con moitos tipos de profesionais e, a partir dos seis anos, pasan aos colexios de Educación Especial ata os 21 e despois, aos centros de día", detalla Godoy.