A cidade coa poboación máis nova das sete grandes urbes galegas é Pontevedra, na que o 18,6% ten menos de 20 anos e a porcentaxe de maiores de 64 anos é a menor da comunidade, tan só o 19% dos seus habitantes. No outro extremo está Ferrol como a máis avellentada.
A estrutura poboacional galega está bastante envellecida. Diso dan mostra indicadores demográficos como a idade media da poboación ou o índice de envellecemento. No referido ao primeiro deles, a cidade co indicador máis baixo é Pontevedra, cunha idade media de 43,2 anos en 2015, seguida de Vigo, con 44,3 anos.
En Pontevedra, un de cada seis residentes no municipio é pensionista. É o concello dos sete grandes no que se rexistra o valor máis baixo deste indicador.
En Pontevedra 1 de cada 6 residentes no municipio é pensionista
Así figura no estatística 'Panorama dos sete grandes concellos', feita pública polo Instituto Galego de Estatística (IGE) este martes, na que se recolle que a poboación de Galicia no ano ano 2015 alcanzou a cifra de 2.732.347 persoas. Destas, o 36,2% reside nunha das sete grandes cidades.
Vigo é a que conta con maior poboación (con 294.098 persoas), seguida a pouca distancia da Coruña (con preto de 244 mil persoas), Ourense e Lugo. Pecha a lista dos sete grandes a cidade de Ferrol, co 2,5% da poboación de Galicia.
O xénero feminino supera ao masculino en número de efectivos: o 51,8% da poboación galega son mulleres.
O 56,2% da poboación galega reside no mesmo concello no que naceu; o 30,7% noutro concello ou provincia distinto ao de nacemento, e o 13,1% naceu noutra comunidade autónoma ou no estranxeiro.