Pontevedra e Sanxenxo recollen 4.500 quilos de comida na Operación Quilo

Pontevedra
06 de xuño 2016

Os alimentos recolleitos durante estes tres días de Operación Quilo simultánea permitirá á Fundación Provincial Banco de Alimentos seguir recuperando o seu stock de comida no almacén da rúa Faustino Santalices

Operación Quilo (arquivo) Banco de Alimentos de Vigo

A Fundación Provincial Banco de Alimentos recolleu esta fin de semana uns 4.500 quilos de comida non perecedoira, grazas á Operación Quilo simultánea desenvolvida en Pontevedra e Sanxenxo.

Tras o cómputo realizado este luns, os produtos recibidos tradúcense en 3.000 quilos de comida recollida en Pontevedra e 1.500 quilos en Sanxenxo.

Desde a ONG agradécese publicamente a xenerosidade dos cidadáns que entregaron produtos de primeira necesidade durante os tres días de Operación Quilo, así como a disposición do medio centenar de voluntarios mobilizados e, tamén, a implicación das superficies comerciais por permitir esta acción solidaria.

Grazas a esta acción solidaria, o Banco de Alimentos seguirá recuperando o seu stock de comida no seu almacén situado na rúa Faustino Santalices, coa que axuda mensualmente a unhas 3.000 persoas con dificultades na comarca de Pontevedra, a través de 26 colectivos sociais.