Pontevedra encadeou en xullo o sexto mes consecutivo de caída no desemprego, con 741 parados menos na provincia

Pontevedra
02 de agosto 2023

A provincia lidera en Galicia a baixada do paro, segundo os datos facilitados este mércores polo Ministerio de Traballo. A nivel autonómico o número de demandantes de emprego rexistrados nas oficinas do SEPE descendeu en Galicia no mes de xullo en 1.579 persoas

Obras de construción do hospital Gran Montecelo
Obras de construción do hospital Gran Montecelo / Diego Torrado

A provincia de Pontevedra lidera en Galicia a baixada do paro no mes de xullo, segundo os datos facilitados este mércores polo Ministerio de Traballo.

É o sexto mes consecutivo de baixada nos demandantes de emprego rexistrados nas oficinas do SEPE, xa que desde o pasado mes de xaneiro a tendencia mantívose á baixa.

Nesta ocasión Pontevedra pecha o mes de xullo con 741 desempregados menos para un total de 49.168. Esta cifra supón unha caída anual de 4.886 parados, con respecto ao mesmo mes do ano anterior.

A nivel autonómico, Galicia reduciu o paro en xullo en 1.579 persoas, deixando o total da comunidade en 127.445.  Ademais rexistráronse o pasado mes 10.898 novos afiliados á Seguridade Social, un 1,02% máis que o mes anterior.