Pontevedra enviará axuda humanitaria a Gaza a través da axencia de refuxiados da ONU

Pontevedra
25 de setembro 2025

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, subliñou que serán 15.000 euros. Afirma que este é o "primeiro paso" dunha estratexia de axuda á poboación gazatí "que podería continuar no futuro"

Un neno sobre as ruínas de Gaza
Un neno sobre as ruínas de Gaza / UNRWA

Até 15.000 euros. É a contía da subvención que o Concello de Pontevedra destinará para axuda humanitaria a Gaza. Será tramitada a través da UNRWA, a axencia da ONU para os refuxiados de Palestina en Oriente Próximo .

Así o anunciou este xoves o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

Explicou que esta axuda ten como obxectivo contribuír desde a Boa Vila a garantir o dereito á protección e á saúde das persoas máis vulnerables en Palestina.

Esta subvención, que só está pendente de informes técnicos para a súa aprobación definitiva, está a ser xestionada con cargo á partida municipal de proxectos internacionais e humanitarios.

Fernández Lores subliñou que este é o "primeiro paso" dentro dunha estratexia de axuda á poboación gazatí "que podería continuar no futuro", quedando aberta a posibilidade de destinar novas partidas a esta causa en futuros exercicios.

Tras reiterar que o que está a cometer o exército de Israel sobre Gaza é un "masacre", o alcalde defendeu a decisión do goberno municipal de destinar estes recursos ao que cualificou como o proxecto "máis necesario" na actualidade.

Esta iniciativa enmárcase na liña de actuacións solidarias que Pontevedra mantivo nos últimos anos con diferentes proxectos de cooperación.

A este respecto, diferentes axudas remitidas desde o municipio pontevedrés permitiron recentemente, entre outras actuacións, reconstruír un hospital nos campamentos saharauís de Tinduf (Alxeria) ou construír unha escola en Afganistán.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora