Pontevedra esterilizou un cento de gatos nas colonias felinas da cidade

Pontevedra
04 de maio 2021

Os animais esterilizados e desparasitados dentro deste plan de control estaban nos barrios de Campolongo e A Parda, no pavillón municipal ou na avenida de Lugo e en ámbitos rurais de Salcedo (San Blas), Lérez, Mourente, Campañó, A Canicouva, Mourente, Estribela ou Marcón

O edil de Benestar Animal, Marcos Rey, tras a esterilización dun gato
O edil de Benestar Animal, Marcos Rey, tras a esterilización dun gato / Concello de Pontevedra

O plan de captura, esterilización e solta que ten en marcha o Concello de Pontevedra para controlar a poboación das colonias felinas permitiu esterilizar un cento destes animais durante os primeiros catro meses do ano 2021. En concreto, foron sesenta femias e corenta machos.

As cifras do programa superan ás rexistradas en 2020 a estas alturas de maio, nun ano que rematou con 181 esterilizacións. Ata o confinamento fixéronse 76 e desde outubro outras 105.

As esterilizacións realizada este ano supuxeron un gasto de 8.470 euros.

Os animais esterilizados e desparasitados dentro deste plan de control estaban nos barrios de Campolongo e A Parda, no pavillón municipal ou na avenida de Lugo e en ámbitos rurais de Salcedo (San Blas), Lérez, Mourente, Campañó, A Canicouva, Mourente, Estribela ou Marcón.

O concelleiro de Benestar Animal, Marcos Rey, subliñou a importancia de que o Concello teña no punto de mira o crecemento incontrolado das colonias felinas e a salvagarda da saúde e a dignidade dos animais, "pero tamén na educación e o civismo dos donos de gatos e cans".

A este respecto, avanzou a súa intención de poñer en marcha unha campaña de concienciación sobre a recollida de deposicións e lembrou que os responsables dos animais "tamén teñen a obriga de diluír con auga a urina das súas mascotas".