Este luns 6 de outubro arrancou en Pontevedra o despregamento dos novos colectores para a recollida de aceite doméstico usado.
Os dous primeiros xa están operativos no mercado de abastos, e nos próximos días instalaranse até 32 por todo o municipio, tanto no centro urbano como no rural.
Detrás desta iniciativa está Mulleres Colleiteiras, unha cooperativa galega que é todo un exemplo de economía circular con impacto social.
Grazas a un acordo coa empresa Prezero -concesionaria da limpeza e xestión de residuos en Pontevedra-, serán elas quen xestionen esta nova rede de recollida.
Mulleres Colleiteiras naceu en 2011 como parte dun programa de inserción social impulsado pola ONG Arquitectura sen Fronteiras, destinado a mulleres xitanas dos asentamentos das Rañas e A Pasaxe.
Hoxe, esta cooperativa formada por nove mulleres segue demostrando que a reciclaxe tamén pode ser unha ferramenta de transformación social.
"No solo le damos una segunda vida al aceite, sino también una segunda oportunidad a las personas que trabajamos aquí", conta Sofía Vázquez, a xerente do equipo.
Elas son transportistas, xestoras autorizadas de residuos e responsables do proceso completo de recollida, almacenamento, valorización e reutilización do aceite vexetal usado que finalmente lles compra Repsol para producir combustibles renovables para o transporte.
Durante a posta en marcha deste servizo e ao longo dos próximos días informarán á cidadanía que o aceite doméstico usado debe depositarse en botellas de plástico ben pechadas. Acéptase tanto o aceite de cociña como o que vén en latas de conserva, pero ollo, os aceites de motor non están permitidos.
A importancia de reciclar este residuo non é menor xa que un só litro de aceite pode chegar a contaminar até 40.000 litros de auga.
Por iso é fundamental contar con puntos de recollida accesibles e unha xestión profesional como a que ofrece Mulleres Colleiteiras, que ademais conta con certificacións de calidade que garanten a trazabilidade e sustentabilidade do proceso.
Actualmente, a cooperativa colleita uns 1.500 litros de aceite ao día, o que supón unhas 270 toneladas ao ano, procedentes de fogares, restaurantes, centros comerciais e, máis recentemente, de estacións de servizo de Repsol, con quen colaboran para transformar o aceite usado en combustibles renovables para o transporte.
Xa xestionan colectores de recollida na Coruña e en máis de dez municipios da súa contorna, e agora suman a Pontevedra á súa rede de cidades comprometidas cun futuro máis limpo e xusto.