Pontevedra estrea un novo local de doazón de sangue situado na Praza do Hospital

Pontevedra
20 de febreiro 2017

O local de atención permanente ao doador de sangue sitúase na Praza do Hospital Provincial, xusto ao carón do novo aparcamento, unha localización céntrica e de doado acceso para os cidadáns que mellora o servizo que se presta aos veciños de Pontevedra

Unha persoa doando sangue
Unha persoa doando sangue / Parlamento Europeo

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) porá este martes 21 de febreiro en funcionamento o novo punto fixo de doazón de sangue para a cidade de Pontevedra. O local de atención permanente ao doador de sangue sitúase na Praza do Hospital Provincial, xusto ao carón do novo aparcamento, unha localización céntrica e de doado acceso para os cidadáns que mellora o servizo que se presta aos veciños de Pontevedra.

O novo local de ADOS no Hospital Provincial de Pontevedra conta cunha superficie de preto de 75 metros cadrados, incrementando nun 50% o espazo con respecto ao anterior, e dispón de tres postos de doazón que permitirán doar polo xeito convencional e polo sistema de aférese.

Este novo local, situado nun módulo ubicado ao carón do aparcamento do centro hospitalario, conta cun axeitado sistema de illamento e está dotado de calefacción e aire acondicionado, para garantir o máximo confort e comodidade tanto para os doadores, como para os profesionais sanitarios que desenvolven o seu labor neste punto.

Ademais, para facilitar o acceso de todos os cidadáns que se acheguen cos seus vehículos para efectuar unha doazón de sangue, o local de doazón de ADOS en Pontevedra dispón dun total de 6 prazas reservadas para os seus doadores.

ELEVADA PARTICIPACIÓN

Durante o ano 2015, realizáronse 3.836 doazóns de sangue, que situaron a este municipio como o terceiro de maior índice de participación entre as sete grandes cidades galegas.

Así mesmo, ADOS anuncia que durante a xornada do luns 20 de febreiro, o punto fixo de Pontevedra atoparase pechado por mor do traslado ás novas instalacións. ADOS pide desculpas pola molestias que este peche momentáneo poda ocasionar e quere convidar a todos os pontevedreses a achegarse ao novo punto fixo de doazón que estará aberto os luns e venres das 08:00 ás 15:00 e os martes, mércores e xoves das 15:00 as 22:00 horas.

A partir do 1 de maio e ata o 30 de setembro, o punto fixo de ADOS en Pontevedra terá un horario de 08:00 ás 15:00 horas.