ADOS emitirá xustificantes ás persoas que acudan a doar sangue para evitar que sexan sancionados

Pontevedra
17 de marzo 2020

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) transmite unha mensaxe de "serenidade" ante a alerta sanitaria. Coas reservas en niveis normais, piden que se manteñan as doazóns de sangue durante estas semanas pero que se fagan "de maneira tranquila e progresiva"

Caseta da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) en Pontevedra
Caseta da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) en Pontevedra / Diego Torrado

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) transmite unha mensaxe de "serenidade" ante a alerta sanitaria pola crise do coronavirus Covid-19. Coas reservas en "niveis normais", piden que se manteñan as doazóns de sangue durante estas semanas pero que se fagan "de maneira tranquila e progresiva".

"Non necesitamos que haxa un aluvión", sinalan desde o ADOS, que mantén os horarios de atención nas súas sedes, no caso de Pontevedra na caseta instalada no exterior do Hospital Provincial.

A prevención ante o coronavirus tomou especial protagonismo, adoptando diversas medidas de seguridade e prevención para a tranquilidade de doantes e dos profesionais sanitarios. Ademais, se existe algunha dúbida pódese realizar previamente o test de autoexclusión do Covid-19 habilitado polo Sergas.

É certo que coa restrición das actividades cirúrxicas rutineiras, as necesidades de sangue nos hospitais reducíronse, pero "non significa que non haxa quen o necesite porque o maior consumo de sangue agora mesmo nos hospitais son os pacientes oncolóxicos, e os oncolóxicos son como crónicos, mentres estean co tratamento van necesitar sangue", sinalan desde a axencia de doazón. Con todo insisten na idoneidade de que as doazóns sexan dosificadas, xa que a persoa que acuda agora non poderá volver facelo en 3 ou 4 meses.

Por ese motivo acudir con cita previa é a opción máis aconsellable, aspecto que do mesmo xeito que calquera dúbida que poida xurdir é posible resolver chamando ao 881 54 69 00.

Ademais, ante o temor de sufrir sancións no caso de ter que desprazarse para acudir aos centros de doazón mentres siga en vigor o estado de alarma, desde o ADOS "o que imos facer é emitir un xustificante ás persoas que acudan a doar", confirman para maior tranquilidade das persoas interesadas en colaborar.