Pontevedra podería liderar a formación universitaria en lingua de signos en Galicia. O Grupo Municipal do PSOE vén de impulsar unha iniciativa plenaria para reclamar á Xunta e á Universidade de Vigo a creación dun Grao Universitario en Lingua de Signos Española e Lingua de Signos Galega no campus pontevedrés, co obxectivo de dar resposta a unha carencia que afecta tanto ao alumnado como ás persoas xordas, xordocegas e con perda de audición.
A proposta nace da man das asociacións sen ánimo de lucro da cidade que traballan con diversidade sensorial, entidades de referencia a nivel estatal, que levan anos alertando das dificultades de acceso á formación dos intérpretes e guías intérpretes de lingua de signos.
O problema agravouse en 2014, cando a titulación de Formación Profesional desapareceu en Galicia ao transformarse en grao universitario, deixando sen continuidade a única oferta existente, que se impartía na Coruña. Na actualidade, só a Universidade Rey Juan Carlos de Madrid oferta este grao en todo o Estado.
Nunha rolda de prensa celebrada este mércores, o portavoz socialista Iván Puentes, acompañado pola concelleira Carmen Hermo, defendeu que Pontevedra e o seu campus universitario son o lugar ideal para acoller o primeiro grao en lingua de signos de Galicia.
Segundo explicou, a distancia é un freo evidente para moitos mozos galegos que queren formarse neste ámbito, o que provoca un déficit crecente de profesionais e maiores dificultades para a inclusión plena da comunidade con diversidade sensorial.
Outro dos puntos da reivindicación é a defensa da Lingua de Signos Galega. Puentes advertiu de que o feito de que a formación se imparta unicamente fóra de Galicia implica que os futuros profesionais se formen só en Lingua de Signos Española, deixando de lado a galega. Isto "pon en risco unha lingua propia" cunha historia de case un século, vencellada ao colexio de persoas xordas e cegas de Santiago de Compostela, e supón unha "perda cultural irreparable", sinalou.
Desde o PSOE destacan que Pontevedra conta cun tecido asociativo sociosanitario potente e con recursos singulares, como o Centro de Recursos Educativos da Once ou colectivos como Xoga, que investigan e forman en lingua de signos tanto española como galega. Un contexto que, xunto cun campus universitario en constante crecemento e con máis de 4.000 estudantes, reforza a candidatura da cidade para acoller unha titulación pioneira en Galicia e mesmo no conxunto do Estado.
A iniciativa foi consensuada previamente coa Vicerreitoría do Campus de Pontevedra e coas asociacións implicadas, e xa recibiu o visto bo da Comisión de Benestar Social e Cultura cos votos favorables do PSOE.
BNG e PP optaron pola abstención á espera de fixar posición no Pleno, onde se decidirá se Pontevedra dá este paso.