Pontevedra habilitará un parque infantil con xogos de auga na contorna do Recinto Feiral

Pontevedra
10 de abril 2021

Esta nova área de lecer estará situada no parque Rosalía de Castro e completarase coa creación dunha zona deportiva ao aire libre. O proxecto suporá un investimento global de máis de 350.000 euros

Proxecto de parque infantil con xogos de auga que se instalará no Parque Rosalía de Castro
Proxecto de parque infantil con xogos de auga que se instalará no Parque Rosalía de Castro / Concello de Pontevedra

Un parque infantil con xogos de auga é a nova proposta da Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural de Pontevedra, coa previsión de poder estrealo este mesmo ano.

Esta nova zona recreativa estará situada no parque Rosalía de Castro, entre o Paseo de Rafael Areses e o Recinto Feiral. Completarase ademais cunha zona deportiva ao aire libre nun proxecto que supoñerá un investimento global de máis de 350.000 euros, segundo confirma o goberno local.

Tal e como explica o concelleiro Iván Puentes os terreos nos que se construirá "están clasificados como solo urbano e zona verde conforme e non están afectados por Costas", polo que as obras poderíanse poñer en marcha en cuestión de poucos meses cun prazo de execución estimado de catro meses máis.

"A miña intención é que en 2021 os nenos pontevedreses poidan estrear o seu primeiro parque de xogos acuáticos, con elementos pensados para diferentes idades, totalmente accesibles e seguros e diversas áreas: unha zona con xogos de texturas de auga suave, outra zona interactiva con chorros e unha terceira con efectos visuais e maior caudal de auga", explica o edil.

O proxecto foi deseñado polo xefe do servizo municipal de parques e xardíns, Manuel  Fontán, coa intención de que os xogos se fabriquen para ter unha gran durabilidade en canto ás condicións meteorolóxicas e tamén preparados para evitar actos vandálicos.

Segundo explica o Concello todos os xogos estarán fabricados segundo a Norma Europea EN1176, con aceiro inoxidable, e dotados dun sistema de protección de pés para evitar que esta parte do corpo poida danarse ao xogar. O parque contará ademais con iluminación LED e con luces á beira dos chorros de chan para xerar efectos visuais e de cor.

Todo elo completarase cunha zona deportiva e de fitness formulada como un gran espazo ao aire libre para que os pontevedreses poidan adestrar. Así tense a intención de instalar equipos inclusivos, un circuíto de cros training con elementos de resistencia axustables e outro de cardio con varios modelos de bicicletas fitness.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, móstrase "entusiasmado" con esta iniciativa que "incrementará o valor paisaxístico da ribeira do Lérez na contorna do Pazo de Congresos, incidindo nese obxectivo de que a cidade gañe cada vez máis vida cara o río".