"Pontevedra hizo historia en la movilidad urbana", di un alto cargo do Concello de Madrid

Pontevedra
25 de novembro 2017

Son palabras de Samuel Romero, o conselleiro apoderado de Madrid Calle 30, cargo de Ahora Madrid, na xornada sobre mobilidade sustentable celebrada en Salamanca coa presenza da concelleira de Promoción da cidade, Anabel Gulías

Xornada sobre mobilidade sustentable celebrada en Salamanca
Xornada sobre mobilidade sustentable celebrada en Salamanca / Concello de Pontevedra

"Pontevedra hizo historia en la movilidad urbana", son palabras de Samuel Romero, o conselleiro apoderado de Madrid Calle 30, cargo de Ahora Madrid, na xornada sobre mobilidade sustentable celebrada en Salamanca coa presenza da concelleira de Promoción da cidade, Anabel Gulías.

Madrid Calle 30 é unha sociedade de economía mixta, adscrita á Área de Medio Ambiente e Mobilidade do Concello de Madrid. Foi constituída inicialmente para levar a cabo o proxecto de transformación do viario da M-30, co obxectivo de mellorar a competitividade de Madrid como centro de actividades económicas, culturais, educativas e de lecer.

Segundo recolle o gabinete de comunicación do Concello de Pontevedra, neste foro salmantino "boa parte das intervencións do público centráronse na análise do modelo pontevedrés", en especial en cuestións como o sistema de aparcamento, a comunicación metropolitana, os veladores e as resistencias xeneradas polo modelo.

Despois de participar nesta cita, o goberno local nas súas conclusións sinala que os conceptos principais sobre mobilidade urbana sustentable poden ser compartidas por todas as cidades, independente de cal sexa o seu tamaño, tal como quedou demostrado nestas xornadas, onde os representantes de Pontevedra e Madrid compartiron todas as medidas que tratan de implementar na capital do Estado.

"Ojalá lleguemos en Madrid al nivel de integración y de importancia relativa de la movilidad en el conjunto de las políticas municipales que conseguisteis en Pontevedra, porque efectivamente, no tiene por que existir un Plan de Movilidad, ya que debe ser un comportamiento vertebral y transversal", apuntou Romero.