Pontevedra homenaxea á 'Señorita Carmiña': "O diferente non é malo, só é diferente, pero á súa vez igual"

Pontevedra
28 de xuño 2024

Este venres 28 de xuño celébrase o Día do Orgullo. Por ese motivo, Avante LGBT+ e a Asociación de Veciños O Chedeiro de Cerponzóns homenaxearon na Praza da Peregrina a María del Carmen do Valle 'A Señorita Carmiña', unha mestra lesbiana que deixou unha profunda pegada na comarca

 

Homenaxe a María del Carmen del Valle, 'A Señorita Carmiña' Mónica Patxot

Este venres 28 de xuño celébrase o Día do Orgullo. Por ese motivo, Avante LGBT+ e a Asociación de Veciños O Chedeiro de Cerponzóns homenaxearon na Praza da Peregrina a María del Carmen do Valle 'A Señorita Carmiña', unha mestra lesbiana que deixou unha profunda pegada na comarca.

Natural de Cádiz, Carmiña naceu en 1915 e quedou orfa moi pequena. O cura de Lérez, que era o seu tío, acolleuna e criou xunto aos seus fillos recoñecidos.

Cando xa foi maior, alugou unha casa en Cerponzóns e alí, para gañarse a vida, daba clase como profesora aos nenos e nenas da zona. Era unha persoa extravagante, vivía soa con animais e a súa casa estaba pintada de colorines. "Os rapaces adorábana", sinalan desde a Asociación de Cerponzóns.

Con todo, outra xente fíxolle a vida imposible e criticouna. "Non tivo unha vida fácil porque era lesbiana. Coñeceuse un idilio, pero o abandonou para casar cun home", lamentan.

"Viviu sempre coa mirada da xente, críticas a todo o que facía, a como vestía... Se levaba pantalóns, cortábase o pelo como un home... Todo iso sumado ao amor frustrado provocou que se volvera introvertida e buscase a soidade". Pasou os seus ultimos anos acompañada dos nenos, cans, gatos e a súa tartaruga. Faleceu en Lérez en 1998.

"Sempre tivemos na mente facerlle unha homenaxe e esta é unha boa ocasión para recoñecela", xa que aínda a día de hoxe lémbrase polas rúas con frases do estilo "mira para aí, fulanita cortou ou pelo como a Señorita Carmiña", ou "citranita non topou marido e quedou para vestir santos e criar 'ghatos' como a Señorita Carmiña", indicaron no manifesto.

"Eu daquela non entendía moi ben que era iso de ser 'Señorita Carmiña', pero era ser fiel a un mesmo, era ser quen se quere ser, quen un sinte ser, sen facer dano a ninguén. Oxalá esas persoas estiveran hoxe aquí para ver que o mundo está cada vez máis cheo de 'Señoritas Carmiñas. O diferente non é malo, só é diferente, pero á súa vez igual. Igual de bo, igual de respectable, igual de libre e igual de orgulloso", concluíron.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora