Pontevedra insiste na "man tendida" para un acordo nas axudas á hostalería e o turismo

Pontevedra
28 de xaneiro 2021

A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, pediu "altura de miras" para que o sistema de xestión das axudas non sexa un impedimento para chegar a acordo

Anabel Gulías, portavoz do goberno municipal
Anabel Gulías, portavoz do goberno municipal / Mónica Patxot

A portavoz do goberno municipal de Pontevedra, Anabel Gulías, valorou este xoves "con satisfacción e certa esperanza" o desenvolvemento das xuntanzas que se están levando a cabo entre varias administracións e o sector do turismo e hostalería para chegar a acordo sobre o plan de axudas ao sector.

"O sistema de xestión destas axudas non pode ser un impedimento para lograr este acordo", asegurou Anabel Gulías, quen insistiu en "reiterar a man tendida deste Concello para lograr un acordo que é vital para o sector neste momento, que non podemos demorar máis, e temos que poñer axudas inmediatas enriba da mesa".

A portavoz tamén indicou que "nos produce certa esperanza saber que se está chegando a un grao de consenso lóxico e que se está prestando atención á proposta que fixemos desde este goberno local". 

Neste sentido, lembrou que as claves da proposta de Pontevedra se basean "na necesidade de poñernos todos de acordo e ter a suficiente altura de miras para dotar ao sector turístico e hostaleiro de axudas que só teñan dúas condicións, inmediatez e sinxeleza, pero tamén a mesma porcentaxe nos orzamentos de todas as administracións".

Á espera de pechar os últimos flecos na xuntanza prevista para o venres, reiterou que o Concello de Pontevedra "porá a disposición todos os recursos que sexan necesarios e que se entendan no marco desa xuntanza".