A Deputación comprométese a destinar o 1% do orzamento a axudar á hostalería e o turismo

Pontevedra
03 de febreiro 2021

Os deputados Carlos Font e Santos Héctor pecharon este compromiso en dúas reunións cos presidentes de Fehopros, da Asociación de Ocio Nocturno, e da Zona Náutico en Vigo; e coa directiva da Asociación de Hostalería da comarca de Pontevedra (Hoempo)

Reunión de Carlos Font e Santos Héctor con Hoempo
Reunión de Carlos Font e Santos Héctor con Hoempo /

A Deputación de Pontevedra pechou este mércores un compromiso os sectores da hostalería e o turismo da provincia para destinar o 1% do seu orzamento a apoiar a estes colectivos ante a crise derivada da pandemia da covid-19.

Os deputados Carlos Font e Santos Héctor pecharon este compromiso en dúas reunións cos presidentes de Fehopros, da Asociación de Ocio Nocturno, e da Zona Náutico en Vigo; e coa directiva da Asociación de Hostalería da comarca de Pontevedra (Hoempo).

Neses encontros, os deputados trasladaron a decisión firme da Deputación de manter os seus compromisos co sector "faga o que faga á Xunta de Galicia". Sobre a administración autonómica, Font indicou que só destina o 0,64% do seu orzamento de 11.563 millóns de euros, para un Plan de axudas de 75 millóns que ve "insuficiente e que non responde ás necesidades da hostalería e o turismo".  

Esta reunión chga despois dos intentos frustrados de negociación entre a Xunta de Galicia, as deputacións provinciais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para o rescate da hostalería  o turismo. Os deputados informaron aos colectivos que a Deputación esixe ao goberno galego un verdadeiro Plan de Rescate para o sector de 250 millóns de euros, seguindo o modelo do Plan Valencia que achega 380 millóns.

Font criticou duramente á Xunta de Galicia insistiu en que ten "recursos dabondo" fronte ás "carencias" de deputacións e concellos, que "non recibiron nin un euro nin do Estado nin de Europa”. 

Lembrou que a Xunta recibiu xa no ano 2020 224 millóns de euros do Estado a fondo perdido que se tiñan que destinar aos afectados pola caída da actividade económica, e que este ano percibirá outros 441 millóns dos fondos React UE co mesmo obxectivo.

O deputado insiste en que a Xunta "está obrigada a rescatar ao sector", pois "eles toman as decisións sanitarias, eles pechan os establecementos e eles teñen a responsabilidade que pretenden derivar ao mundo local, deputacións e concellos que xa fixeron un enorme esforzo económico, sen competencias, nin recursos, no primeiro año da pandemia”. 

Carlos Font e Santos Héctor tamén lamentaron o "engano" que consideran que a Xunta fai aos sectores afectados cando fala dos 80 millóns repartidos ata o momento, cando os datos das propias delegacións da Xunta mostran que só se destinaron pouco máis de 38 millóns e, deles,  ao redor de 20 millóns para a hostalería e o turismo.

A directiva de Hoempo agradeceu a convocatoria e, segundo indicou a Deputación nun comunicado, lamentou que a única información recibida sobre as negociacións de Santiago lles tivera chegado ata o de agora pola prensa.

Segundo deu a coñecer a Deputación, a asociación pontevedresa anticipou a súa intención de participar nos movementos que se están a producir para a creación dunha Federación Galega de Hostalería que proporcione unha representación real e efectiva a todo o sector e expresou a súa insatisfacción coas axudas recibidas na anterior convocatoria da Xunta.