O Concello de Pontevedra acometerá unha actuación de emerxencia para garantir a seguridade na contorna do Muíño do Coto, situado na zona de Ponche Boleira, despois de detectar unha importante deterioración no inmoble e problemas derivados de accesos non autorizados ao interior da edificación.
A Xunta de Goberno Local deu este xoves luz verde ao decreto de Alcaldía polo que se contratan estas obras de emerxencia, que serán executadas pola empresa pontevedresa Planificación, Desarrollo y Gestión de Construcciones SA por un importe de 50.091 euros e cun prazo previsto de tres meses.
A tenente de alcalde, Eva Vilaverde, explicou que a intervención responde á necesidade de actuar con rapidez ante o estado do edificio.
Segundo detallou, o inmoble presenta riscos polo esborralle parcial dalgúns muros de pedra, danos na cuberta, acumulación de vexetación e presenza habitual de persoas no seu interior.
O obxectivo da actuación será evitar novos desprendementos e reducir os riscos tanto para quen accedían ao antigo muíño como para as persoas que transitan polo exterior do recinto. Para iso levarán a cabo traballos de limpeza e retirada de residuos, eliminación de maleza, reparación ou substitución parcial de elementos da cuberta, actuacións na fachada e reparación da carpintaría exterior.
Ademais, procederase ao peche dos accesos ao edificio para impedir novas entradas e realizarase un peche perimetral do inmoble, situado nunha zona verde municipal utilizada habitualmente como espazo de esparexemento polos veciños.
A Policía Local ten sinalado o Muíño do Coto como un punto conflitivo, debido á presenza de persoas sen teito e á detección no pasado de actividades relacionadas co menudeo de drogas no interior do edificio.
Desde o Concello insisten en que a intervención agora aprobada ten carácter preventivo e busca preservar o inmoble de face a unha futura rehabilitación integral.
A actuación realizarase, segundo explicou Vilaverde, "da maneira máis respectuosa posible" coa estrutura existente para permitir que máis adiante poida abordarse un proxecto de recuperación do histórico muíño.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.