A pelexa multitudinaria rexistrada onte en Pontevedra, con catro detidos e tres feridos por apuñalamento, "non é un feito illado", aseguran os principais sindicatos policiais que advirten que a cidade non é insegura "pero camiña cara a iso".
O Sindicato Unificado de Policía (SUP) mostrou a súa preocupación porque sucedan este tipo de feitos "en prazas céntricas nas que os nenos xogan nos parques e fronte aos colexios" e nos que se empregan "bastante violencia" e se usan armas brancas.
"Preocúpanos a falta de persoal de seguridade cidadá na cidade", afirman os dirixentes do SUP en Pontevedra, que reivindican a necesidade de crear na comisaría unha unidade de prevención e reacción (UPR) que ten unha "rápida capacidade operativa e de resposta".
Esta unidade permitiría ademais, segundo o SUP, traballar na prevención dos delitos e no control dos "puntos negros"
Desde a Confederación Española de Policía (CEP), pola súa banda, sinalan que levan máis de dez anos alertando da falta de axentes policiais en Pontevedra e da urxencia desa UPR.
"A policía non só está para repeler senon tamén para previr e para iso fai falta presencia policial na rúa", sinalan os responsables da CEP, que lamenta que as autoridades fagan "oídos xordos" aos expertos en seguridade.
O sindicato policial asegura que este "non é un feito illado" e que hai cada vez máis armas nas rúas e máis pelexas multitudinarias, polo que instan á cidadanía a "pedir responsabilidades" e esixir máis medios humanos e materiais para os axentes da orde.
A iso suman que a lexislación non castiga "con firmeza" este tipo de feitos violentos, o que a xuízo da CEP "é un efecto chamada ao todo vale".
Un terceiro sindicato, Justicia Policial (JUPOL), sumouse ás críticas polas "graves carencias estruturais" de Pontevedra en materia de seguridade cunha comisaría que "non está adaptada ás necesidades actuais" e na que hai unha "alarmante" falta de persoal.
No medio deste "panorama de inseguridade", estes portavoces sindicais reclaman "con carácter urxente" a creación da unidade UPR para responder "de forma máis eficaz" ao incremento e diversificación da delincuencia que aprecian en Pontevedra.
A situación en Pontevedra é "crítica", sostén JUPOL, ante a escaseza de efectivos policiais e nun ambiente, compartido en moitas outras cidades, "onde as bandas xuvenís actúan con total impunidade" e contra o que as autoridades deben "actuar con eficacia".