Pontevedra-O Salnés sitúase en 95 casos activos, cun paciente hospitalizado con covid-19

Pontevedra
14 de novembro 2021

Galicia contabiliza 136  positivos novos da covid-19 nas últimas 24 horas, segundo os datos facilitados pola Consellería de Sanidade. Nunha xornada máis, todas as áreas sanitarias volven incrementar os casos activos establecéndose en 1.179 pacientes na comunidade. Pola contra, este domingo baixan en tres persoas as hospitalizacións rexistradas

Datos covid-19 deste domingo 14 de novembro na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés
Datos covid-19 deste domingo 14 de novembro na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés / Consellería de Sanidade

A área sanitaria de Pontevedra-O Salnés continúa unha progresión ascendente do número de casos activos. Este domingo 14, a Consellería de Sanidade comunica que hai oito casos activos máis que na xornada do sábado, situando a cifra de enfermos en 95, cunha persoa ingresada nas últimas horas con covid-19, que se atopa en planta do Hospital do Salnés.

A través das probas PCR detectáronse 12 novos positivos nas últimas 24 horas. Non se rexistraron falecementos nos últimos días na área sanitaria. O número de decesos desde o inicio da pandemia continúa sendo de 205 persoas.

A situación en Galicia, segundo os datos da Consellería de Sanidade, tamén mantén a liña de incremento de casos. Este domingo hai 1.179 persoas coa infección activa, 102 casos máis que o sábado. A través de probas PCR detectáronse 137 novos casos. Son dous contaxios diarios máis respecto a os notificados durante o sábado e 63 máis en relación ao sábado anterior.

Por áreas sanitarias, as cifras de casos activos é a seguinte: Pontevedra-O Salnés: 95 (+8); A Coruña-Cee: 298 (+21); Ourense: 287 (+16); Vigo: 182 (+22); Lugo: 119 (+18); Santiago-O Barbanza: 103 (+9); e Ferrol: 95 (+8).

Descenderon o número de persoas hospitalizadas. Hai 36 enfermos con covid-19 na planta de hospitalización, un menos que o sábado; e 10 pacientes nas Unidades de Coidados Críticos, dous menos que na xornada do 13 de novembro.

Curáronse 34 persoas nas últimas 24 horas e non se rexistraron falecementos. O número de mortes en Galicia de pacientes con coronavirus mantense en 2.655 persoas.