Pontevedra pagará uns 10 millóns en dous anos en electricidade e iluminación pública

Pontevedra
25 de outubro 2023

Catro das principais comercializadoras españolas de electricidade compiten por facerse cun dos contratos máis suculentos que adxudicará o Concello de Pontevedra nos próximos anos: a subministración eléctrica municipal. Presentaron ofertas Gas Natural, Iberdrola, Total Energy e a compañía catalá The Yellow Energy

Traballos de reparación do alumeado público
Traballos de reparación do alumeado público / PontevedraViva

Catro das principais comercializadoras españolas de electricidade compiten por facerse cun dos contratos máis suculentos que adxudicará o Concello de Pontevedra nos próximos anos: a subministración eléctrica municipal.

Para pagar toda a iluminación pública e a electricidade que consomen todas as dependencias municipais, os colexios e o Pazo da Cultura, o goberno municipal reservou case 10 millóns de euros, a razón de cinco millóns por cada ano de contrato.

A esta licitación, segundo certificou a mesa de contratación do Concello, presentaron ofertas Gas Natural, Iberdrola, Total Energy e a compañía catalá The Yellow Energy

O novo contrato obrigará ás compañías a certificar que, polo menos o 30% da electricidade que abastezan a Pontevedra, proveña de enerxía verde e fontes renovables

MÓDULOS COMUNITARIOS DE COMPOSTAXE

A mesa de contratación do Concello tamén abriu as plicas para a contratación dos servizos de subministración e instalación de 80 unidades modulares de compostaxe comunitaria, destinadas a centros de compostaxe comunitaria xa situados en oito puntos da cidade.

A esta licitación, á que se destinan preto de 68.000 euros, presentáronse dúas empresas do sector, a catalá Alquienvas, que xa forneceu os composteiros individuais de Pontevdra, e a compañía navarra Vermican. As súas ofertas serán revisadas polos técnicos.