Chegou o día. Este martes ten lugar a Proba de Acceso á Universidade (PAU), a última versión da temida selectividade.
Por diante tres días estresantes de exames que, no caso de Pontevedra, 1.286 alumnos realizarán a proba en tres centros do campus: a Facultade de Comunicación, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e na Escola de Enxeñaría Forestal.
Tamén se farán os exames da PAU no Centro de Recursos Educativos (CRE) da Once, para o alumnado con necesidades especiais de toda Galicia.
A principal novidade da PAU é que prima as habilidades competenciais e reduce drasticamente a optatividade.
É dicir, todos os estudantes realizarán o mesmo modelo de exame aínda que se poderá seleccionar entre distintas preguntas dentro do mesmo.
Lembremos que nos últimos anos, podíase elixir entre varias alternativas, polo que moitos optaban por non estudar algúns temas. Agora, ao ter só unha opción, os mozos tiveron que aprenderse o temario completo.
Ademais, as preguntas buscarán avaliar competencias como a análise crítica, a resolución de problemas e a aplicación práctica dos coñecementos. De modo que os exames xa non medirán só a capacidade de memorizar contido.
Haberá tres tipos de preguntas: pechadas, con respostas breves ou tipo test; semiconstruidas, que requiren respostas algo máis desenvolvidas, e abertas, onde os estudantes teñen que expor as súas ideas.
Por exemplo, os exames de Lingua Castelá e Inglés incluirán unha proba de comprensión lectora, expresión escrita e redacción, ademais da parte de literatura no primeiro. Na proba de Historia de España pedirase aos alumnos que identifiquen e corrixan erros nun texto, ou que analicen datos históricos desde unha perspectiva crítica. En Historia da Filosofía, proporase redactar un artigo de opinión.
Outro cambio é a obrigatoriedade de examinarse dunha segunda lingua estranxeira si o estudante se presenta a catro materias na fase voluntaria.
As faltas gramaticais e ortográficas poderán restar até un 20% da nota nos exames de castelán e galego (isto é, que che poden quitar até dous puntos), un 15% en linguas estranxeiras e un 10% no resto de materias.
Cada exercicio terá unha duración de noventa minutos, cun descanso mínimo de media hora entre exames consecutivos.
En canto ás cualificacións, non hai ningún cambio. A nota da proba calcularase facendo a media aritmética de cada un dos exercicios. Será un valor entre 0 e 10 puntos con tres cifras decimais e a nota mínima é un 4.
A nota de acceso á universidade calcúlase sumando o 60% da nota media normalizada de Bacharelato e o 40% da cualificación da proba de acceso. Tamén terá un valor de 0 a 10 con tres decimais e a mínima necesaria será un 5.
Na fase de admisión sumaranse a esta nota de acceso as dúas mellores cualificacións ponderadas das materias que cada universidade determine.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.