O programa municipal pola diversidade sexual e de xénero Pinto e Maragota, promovido pola Concellería de Igualdade de Pontevedra, estrea este mes de novembro o roteiro As pegadas da memoria "cuir", unha iniciativa que convida a redescubrir a cidade a través da historia da disidencia sexual e de xénero.
O percorrido, deseñado e guiado pola historiadora e investigadora Daniela Fernández, autora de A defunción dos sexos. A disidencia sexual na Galiza contemporánea, e pola xornalista e escritora Eva Mejuto, autora de Memoria Diversa, propón un itinerario pola capital pontevedresa para reconstruír a memoria LGTBIQ+ local.
A primeira sesión aberta ao público terá lugar o venres 21 de novembro, ás 17.00 horas, diante do convento de Santa Clara, cunha duración aproximada de unha hora e corenta e cinco minutos. As persoas interesadas deben inscribirse a través da web municipal apuntate.pontevedra.gal. Ademais, haberá quendas específicas destinadas ao alumnado de distintos centros de ensino.
O roteiro comeza co relato da monxa-frade María Gálvez, no século XVI, e continúa pola Praza da Estrela, onde en 1932 actuou Federico García Lorca coa compañía La Barraca. O itinerario lembra tamén o paso do poeta polo Café Moderno e o desaparecido cine Coliseum, onde dous anos máis tarde se proxectou o filme alemán O misterio dos sexos (Mysterium des Geschlechtes), un punto de partida para falar dos espectáculos de transformismo do primeiro terzo do século XX.
A ruta percorre tamén espazos ligados á represión franquista, como a praza de San Xosé, o Edificio da Audiencia ou a Alameda, para abordar a persecución da disidencia sexual baixo as leis de Vagos e Maleantes e de Perigosidade Social. Preto do Arquivo Provincial, recordarase o papel do Padroado de Protección á Muller, institución que sometía a mulleres "caídas" ou en risco de selo, incluíndo lesbianas e bisexuais.
Na parte final, o roteiro achegarase aos anos da democracia, a aparición dos movementos LGTBI na Boa Vila, o impacto da SIDA, a aprobación dos matrimonios igualitarios en 2005 e as primeiras celebracións do Orgullo en Pontevedra. Tamén se lembrarán os programas municipais pola diversidade, a masiva mobilización de 2021 tras o asasinato de Samuel Luiz, e os referentes queer e iniciativas culturais que marcaron a cidade na última década.