O goberno municipal de Pontevedra está "aberto" á proposta de crear un ente supramunicipal que xestione o abastecemento de auga aos concellos da ría "sempre que non prexudique" aos intereses do municipio. Por iso é polo que decidise poñer "condicións".
Así o subliñou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que informou este xoves do acordo para participar neste organismo que ostentará a condición de concesionaria e titular das actuais infraestruturas de abastecemento de auga.
"Non é algo fácil de facer. É un tema complexo que vén de vello", explicou Fernández Lores, que reiterou a "vontade política" de Pontevedra de constituír este ente xunto aos municipios de Poio, Marín, Sanxenxo, Vilaboa, Bueu e Ponte Caldelas.
Pero Pontevedra non aceptará que a constitución deste organismo comarcal "poida xerar gasto adicional ningún ou incremento de custos ao Concello de Pontevedra, nin aos seus cidadáns e empresas", segundo apuntou o alcalde pontevedrés.
O rexedor comentou que a solicitude de concesión provisional de caudal para fornecer en alta ao resto de concellos deberá efectuarse ademais sen cargo esta administración e "sen renuncia as concesións de caudais que dispón este Concello".
Ademais, Lores demanda que sexa considerada como unha ampliación que permita abastecer tamén ás obras de despregamento das novas redes de auga en execución en Pontevedra, con cargo ao actual contrato de abastecemento de auga con Viaqua.
Pontevedra entende, por último, que Ponte Caldelas debe quedar fóra deste ente porque o abastecemento de auga ao polígono da Reigosa, o único punto dese municipio que depende da auga da ría, é obxecto dun convenio bilateral entre estes dous concellos.