Pontevedra prevé recadar 500.000 euros menos cos novos criterios das plusvalías

Pontevedra
20 de maio 2022

Nove de cada dez contribuíntes, segundo os cálculos do goberno municipal, pagarán menos a partir de agora cos novos criterios para a aplicación do imposto das plusvalías. Haberá algún caso, iso si, que pagará máis. Penalizaranse aquelas vendas de solo urbano que se teñan feito, como máximo, ata catro anos despois da compra

Raimundo González
Raimundo González

Nove de cada dez contribuíntes, segundo os cálculos do goberno municipal, pagarán menos a partir de agora cos novos criterios para a aplicación do imposto das plusvalías

Pontevedra xa aprobou a modificación da ordenanza fiscal da plusvalía, un trámite obrigado pois o Goberno deu aos concellos seis meses para adaptarse aos novos criterios, marcados por unha recente sentenza do Tribunal Constitucional.

En base a estas modificacións, o edil de Facenda, Raimundo González, a media dos recibos que emite o Concello rebaixarase nun 25%, aínda que haberá cidadáns que poidan pagar mesmo un 75% menos do que tiñan que liquidar cos anteriores criterios.

Haberá algún caso, iso si, que pagará máis. O novo imposto de plusvalía penalizará aquelas vendas de solo urbano que se teñan feito, como máximo, ata catro anos despois da compra "fundamentalmente para penalizar a compra especulativa", aclarou o concelleiro. Nestes casos, poderán abonar ata un 50% máis.

O Goberno central o que fixo, segundo González, é fixar novos coeficientes para calcular estas liquidacións, que teñen como base o valor catastral do inmoble. Agora, ademais, revisaranse cada ano en función da situación económica do país. 

O Concello, pola súa banda, manterá o tipo impositivo dos últimos anos, que é dun 21%. Esta adaptación implica o descenso de máis do 25% dos ingresos municipais, é dicir, "son fondos que se manteñen no peto dos contribuíntes" suxeitos a liquidar este imposto.

Ao respecto da recadación, en 2020 a plusvalía supuxo para as arcas municipais 1,5 millóns de euros, en 2021 foron 1,8 millóns e a estimación de 2022 é que sexa de 1 millón de euros, unha media de 500.000 euros menos que en anos anteriores.

Esta modificación da ordenanza terá que ser debatida no vindeiro pleno do 26 de maio e logo de trinta días de exposición pública poderá ser aprobada se non hai alegacións.