Pontevedra probará en Alcalde García Filgueira un novo pavimento para as beirarrúas

Pontevedra
26 de xaneiro 2021

No caso de García Filgueira, este aglomerado terá unha cor marrón escura "que esteticamente queda ben e é acorde co entorno", sinalou Vilaverde, que explicou que os técnicos municipais estudaron "a fondo" cal era a mellor opción

Mostra do novo pavimento para as beirarrúas de Alcalde García Filgueira
Mostra do novo pavimento para as beirarrúas de Alcalde García Filgueira / Concello de Pontevedra

A rúa Alcalde García Filgueira, na Parda, será o lugar no que o goberno municipal probará un novo pavimento nas beirarrúas. Trátase dun aglomerado en cor que, segundo a edil de Mantemento de espazos públicos, Eva Vilaverde, utilizan moitas cidades do mundo.

Ata o de agora Pontevedra tan só usara este material para calzadas ou paseos en zonas verdes, pero decidiu testar a súa eficacia sobre itinerarios peonís.

No caso de García Filgueira, este aglomerado terá unha cor marrón escura "que esteticamente queda ben e é acorde co entorno", sinalou Vilaverde, que explicou que os técnicos municipais estudaron "a fondo" cal era a mellor opción.

Este pavimento, segundo a edil do BNG, permite que non haxa diferenza de alturas nas beirarrúas e que o chan "non rompa con facilidade". Ademais, esta rúa ten unha gran pendente e o aglomerado é menos esvaradío e ten unha maior durabilidade.

"É un paso máis para buscar as mellores solución para os principios que temos que coidar", asegurou a responsable do mantemento dos espazos públicos. "Se funciona ben", avanzou, este pavimento poderase estender a outras rúas "nas que encaixe" esteticamente.

Eva Vilaverde avanzou ademais outras actuacións que, dentro da súa carteira, realizaranse na cidade nas próximas semanas, ata finais de febreiro.

Ademais da nova praza en Daniel da Sota con Benito Corbal, renovarase a capa de rodadura en José Malvar e Palamios; e rehabilitaranse as escaleiras de pedra da Praza da Liberdade, que ten varios chanzos movidos e con problemas de filtracións de auga.

No centro histórico cambiaranse as arquetas de pedra e reforzaranse con ferro para que sexan máis duradeiras e, entre outras actuacións, tamén se arranxarán os alcorques da rúa Serra, eliminando as estruturas metálicas das árbores e repoñendo o seu pavimento.

Dentro do plan de revisión dos itinerarios peonís, tamén se arranxará o pavimento nas proximidades de garaxes da rúa Grecia, Avenida de Uruguai, Almirante Matos, Camiño Vello de Castela, Eduardo Pondal ou Bibiano Osorio-Tafall; e repoñeranse lousas e sinais danadas na Avenida de Vigo, Ponte Boleira e a Praza de Galicia.