Castelao inspira un Entroido pontevedrés que manterá o seu programa, a pesar do mal tempo, ata o último momento

Pontevedra
06 de febreiro 2026
Actualizado: 17:54

O concelleiro de Festas, Demetrio Gómez, destacou o espírito resiliente co que Pontevedra afronta estas celebracións, mesmo ante unhas previsións meteorolóxicas pouco favorables

Presentación do programa do Entroido 2026
Presentación do programa do Entroido 2026 / Cristina Saiz

Pontevedra xa quece motores para vivir un Entroido longo e intenso, no que a tradición, a sátira e a festa toman as rúas durante máis dunha semana.

Dende a chegada triunfal de Urco ata a sentida despedida do loro Ravachol, a cidade converterase nun gran escenario onde comparsas, murgas, piratas e veciñanza comparten protagonismo.

Consulta aquí o programa completo.

O concelleiro de Festas, Demetrio Gómez sinalou que "nós cando chega o Entroido vímonos arriba e nin choiva, nin chuva... tentamos tirar para adiante".

As previsión meteorolóxicas poden condicionar a participación da cidadanía nesta festa "é certo que o tempo está malo e que polo de agora as previsión para os vindeiros días tampouco melloran pero ata o último minuto a previsión é facelo no día e na hora que está no programa. Se temos que atrasalo, xa o fixemos algunha vez, intentaremos mantelo ao longo do tempo noutras datas. É o que nos toca este ano", dixo. "Creo que hai algún que está pensando mesmo en rezar", engadiu.

A apertura oficial terá lugar o venres 13 de febreiro na Praza da Ferraría. Ás nove da noite, o alcalde recibirá a Urco, rei do Entroido, que fará a súa entrada solemne acompañado do seu séquito e das comparsas Os Retrincos, Os Miúdos, Amigos dos Rapaces e Flores del Carnaval.

Será tamén o momento do pregón, que este ano corre a cargo do grupo Os das Pistas, encargado de dar o pistoletazo de saída á festa. Media hora máis tarde, as rúas encheranse de música e cor co pasarrúas das comparsas Os 100Tolos, Os Solfamidas, As Sonecas, Os da Caña, Os Canecos e Alegría de Bora.

"Por fin somos os pregoeiros. Víamos como outros nos pasaban pola dereita, pola esquerda e mesmo por arriba, e pensabamos que eramos invisibles, que nunca nos ía tocar. Agora estamos encantadísimos. Grazas ao Concello por darnos esta oportunidade. Estamos todos moi felices de poder participar no Entroido pontevedrés, que é o maior Entroido de Galicia", afirmou Alberto Fernández, portavoz do grupo Os das Pistas.

Fernández explicou tamén a orixe do nome da agrupación "chamámonos así porque saímos dunha agrupación de autoescolas. Alí na explanada, polas noites, faciamos os traballos de montaxe e demais, e dese ambiente quedou o nome de Os das Pistas".

Sobre o pregón deste ano, adiantou que será unha intervención "cañeira, con moitas ganas de que a xente ría e o pase ben". "Agardamos que a noite axude", concluíu.

Os das Pistas serán os pregoeiros do Entroido
Os das Pistas serán os pregoeiros do Entroido   Cristina Saiz

O sábado 14 chega unha das xornadas máis agardadas: o Gran Desfile do Entroido. Dende as catro da tarde, os participantes concentraranse na rúa José Malvar para a inscrición, e ás cinco comezará o percorrido polas principais arterias da cidade, pasando por Loureiro Crespo, Benito Corbal, Peregrina, Michelena, praza de España e a Alameda.

A festa continuará ás oito da tarde na Praza da Ferraría, coa entrega dos premios do concurso de disfraces en todas as modalidades.

O Entroido pontevedrés tamén ten un marcado carácter familiar. O luns 16, os máis pequenos poderán gozar dun obradoiro infantil de maquillaxe na Praza de Curros Enríquez. Xa pola tarde-noite, a Praza da Peregrina acollerá a presentación do loro Ravachol, coa recreación da botica de don Perfecto Feijoo e a actuación de Os da Terra.

A xornada pecharase no Pazo da Cultura coa primeira eliminatoria do XXXIV Concurso de Murgas, unha das citas imprescindibles do programa.

O martes 17 será, sen dúbida, o día máis aventureiro. Dende o mediodía, os Corsarios do Lérez tomarán as rúas, dando paso pola tarde á festa pirata infantil na Praza da Ferraría, con animación de Os Bolechas e A Muller Orquestra. Ao caer a noite, Pontevedra vivirá a súa Noite Pirata, cunha chamada aberta a sacar o lado máis corsario.

O desembarco e a batalla da tripulación do Burla Negra na Praza de España darán paso a un gran baile pirata co concerto de King África, seguido dun multitudinario pasarrúas nocturno.

King África
King África   PontevedraViva

A tradición recupera protagonismo o mércores 18, cun obradoiro de máscaras de Ravachol na Praza da Peregrina e a recuperación do Entroido tradicional de Campañó coa emblemática Corrida da Rosca.

Pola tarde-noite volverá a recreación da botica de don Perfecto Feijoo, ambientada pola Aula de Teatro Municipal, e a segunda eliminatoria do concurso de murgas no Pazo da Cultura.

O xoves 19 coñecerase o veredicto final do XXXIV Concurso de Murgas, mentres que o venres 20 estará dedicado á creatividade infantil e á sátira colectiva coa XXIX Mostra da Parodia do Entroido, que encherá prazas e rúas antes da entrega de premios á medianoite na Praza da Ferraría.

O peche chegará o sábado 21 de febreiro, nunha xornada tan solemne como festiva. Pola mañá haberá novas recreacións da botica e sesión vermú con murgas.

Pola tarde comezará o velorio de Ravachol, coa Santa Compaña levando o finado nun pasarrúas que desembocará na Praza da Ferraría. Alí terá lugar o velorio infausto, coas honras fúnebres, a lectura da elexía, danzas da morte e, finalmente, a simbólica incineración do loro Ravachol, nun dos actos máis singulares e emotivos do Entroido pontevedrés.

O alumnado do Garaxe Hermético fixo o programa do Entroido de Pontevedra
O alumnado do Garaxe Hermético fixo o programa do Entroido de PontevedraConcello de Pontevedra

O cartel oficial e o programa impreso do Entroido nacen dunha colaboración entre ERA Comunicación e o alumnado da escola O Garaxe Hermético, nun proxecto de carácter profesionalizante que ofrece aos estudantes a posibilidade de traballar nun contexto real.

A ilustración do cartel é obra de Jose Iglesias, quen explicou que a proposta serve como homenaxe ao 75 aniversario do pasamento de Castelao, unha figura estreitamente ligada a Pontevedra e que mesmo chegou a debuxar ao loro Ravachol.

A imaxe parte dunha reinterpretación dunha fotografía icónica de Castelao pintando as máscaras de Os vellos non deben de namorarse, para representalo nesta ocasión pintando a máscara de Ravachol e outros símbolos propios do Entroido. O resultado é unha peza que conecta tradición, memoria e celebración popular.

O alumnado participante subliñou a importancia de apostar polo traballo creativo feito por persoas, fronte ao uso de intelixencias artificiais xenerativas.

Ademais do cartel, o programa incorpora no seu interior unha revisión de viñetas de Castelao adaptadas á ocasión, nas que se introduce a figura do emblemático papagaio pontevedrés mantendo intacto o humor e o espírito orixinal do autor.

Arquivado en