O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, presentou este venres o calendario de promoción turística da provincia para 2026, unha folla de ruta que levará o nome das Rías Baixas a algunhas das principais feiras do sector a nivel nacional e internacional.
A axenda arranca este mesmo mes de xaneiro coa presenza da provincia en Fitur, a Feira Internacional de Turismo de Madrid, un dos grandes escaparates do sector.
Antes, o vindeiro xoves día 15, a Deputación dará a coñecer oficialmente a campaña promocional nun acto que se celebrará en Vigo.
López indicou que o goberno provincial "reforza" a súa aposta para situar Pontevedra no mercado nacional e de proximidade, "pero tamén queremos impulsar a súa internacionalización", subliñou.
Nesa liña, febreiro levará á Deputación até a Bolsa Internacional de Turismo de Lisboa (BTL), onde contará con caseta propia.
Marzo marcará un fito, xa que por primeira vez a institución provincial participará na ITB de Berlín, unha das feiras turísticas máis importantes do mundo. Ese mesmo mes, Pontevedra tamén estará presente en Biocultura e Ecoturismo, na Coruña.
A promoción continuará en maio en Expovacaciones, en Biscaia; en xuño en Turexpo, en Silleda; e en setembro a provincia dará un novo salto internacional co seu debut, tamén con stand propio, no Salón Náutico Internacional de Southampton, no Reino Unido.
O ano pechará cunha intensa axenda en novembro, que inclúe a World Travel Market de Londres, Xantar en Ourense, Intur en Valladolid e o Salón Internacional de Congresos e Reunións IBTM de Barcelona.
Máis aló das feiras, Luís López avanzou novidades en torno ao "Trail Entre Castelos Rías Baixas", unha iniciativa gratuíta de trail running que conectará os castelos de Sobroso e Soutomaior.
A proba, que combinará carreiras, andainas e actividades infantís, busca promocionar o turismo activo e pór en valor o patrimonio e a natureza da provincia.
No Castelo de Soutomaior continúan as obras, cuxa finalización está prevista para abril, coincidindo coa celebración desta cita deportiva.
"Xa realizamos unha avaliación do terreo, das contornas e dos puntos de interese do percorrido", explicou o presidente.
Nestes momentos está a deseñarse a ruta para tramitar os permisos necesarios, garantir a seguridade das persoas participantes e asegurar o máximo respecto pola contorna natural, en coordinación cos distintos axentes implicados.
O obxectivo do goberno provincial é impulsar esta primeira edición coa vista posta na súa consolidación como unha proba de referencia que un deporte, patrimonio e natureza, e que reforce a proxección turística das Rías Baixas.