O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, presidiu este mércores a reunión da Mesa de Turismo, na que se realizou un balance da tempada e revisáronse os principais proxectos estratéxicos en marcha. Ao encontro asistiron o concelleiro de Turismo e Praias, Juan Deza; representantes do sector hoteleiro e comercial, e entidades como o CETS e Aviturga.
Deza presentou os datos turísticos acumulados até outubro, que confirman a desestacionalización do destino. Abril e xullo presentan subidas continuadas de entre o 2,5% e o 10,8%, o que confirma que Sanxenxo está a captar máis visitantes na primavera e a comezos do verán, segundo explicou. O mes de outubro tamén pechou en positivo, cun crecemento do 14,1%, "un signo claro de que seguimos atraendo visitantes fóra da tempada alta".
O Concello manterá a súa aposta pola promoción exterior con presenza en feiras e workshops, así como unha caseta propia en Fitur.
Ademais, solicitará a "S de sustentabilidade" para a praia de Silgar e a bandeira azul para Pampaído.
Entre as melloras previstas inclúese un novo sendeiro azul entre o Con da Romaíña e o Con da Ventureira, así como actuacións continuas nas praias para garantir accesos seguros e renovados.
A reunión tamén serviu para anunciar o traslado inminente da sede administrativa de Turismo ao Pazo de Quintáns. O Concello estudará así mesmo unha nova localización máis visible para o punto informativo turístico da localidade.
O alcalde detallou varios proxectos estratéxicos que incidirán directamente na actividade económica e turística do municipio como, ao seu xuízo, serán a mellora do porto deportivo cun umbráculo de 2.000 metros cadrados, un paseo costeiro que unirá Silgar con Rafael Picó mediante a renovación da pasarela de madeira de Baltar, o novo aparcadoiro de Portonovo, a rehabilitación da Telleira, a senda da Ría de Arousa, o Centro da Cultura Gastronómica no Pazo de Quintáns e o futuro Centro de FP de Hostalaría en O Cruceiro.
Martín subliñou que todas estas actuacións buscan consolidar a Sanxenxo como un destino "competitivo, sostible e atractivo" durante todo o ano.