O goberno local de Sanxenxo quere que 2026 sexa o ano no que as súas dúas empresas municipais Nauta e Ínsula volvan converterse en pancas de transformación.
E farao recuperando unha fórmula que, lembran desde o Concello, "xa demostrou ser un éxito": a estratexia de xestión pública profesionalizada e autosuficiente que en 2002 permitiu comprar a concesión do porto deportivo e executar obras por valor de 15 millóns de euros sen recorrer ao peto dos veciños.
Aquela operación autofinanciouse grazas á explotación de locais comerciais, prazas de aparcadoiro e amarres, e deixou como herdanza equipamentos hoxe imprescindibles para o municipio, como a Praza do Mar, o dique e o aparcadoiro público.
Vinte e catro anos despois, o goberno que encabeza Telmo Martín pretende repetir a xogada.
A ampliación da concesión de Nauta até 2047 abre a porta a dar un novo impulso ao porto deportivo e a acometer melloras necesarias para mantelo como motor turístico. A estratexia estenderase tamén a Ínsula, a empresa pública de solo, co obxectivo de facilitar á mocidade o acceso á súa primeira vivenda e avanzar na construción de parque público residencial.
Entre os proxectos máis emblemáticos previstos destaca o umbráculo da Praza do Mar, unha gran estrutura de 2.000 metros cadrados valorada en 6,4 millóns de euros que constitúe a peza central do proxecto gañador do concurso de ideas do porto.

Pensado coma un gran recinto cuberto para eventos, con capacidade para miles de persoas e alleo aos vaivéns meteorolóxicos. Unha infraestrutura que, segundo o goberno local, resulta clave para que o municipio dea "un salto de calidade" como destino turístico.

Os investimentos previstos non terminan aí. Nauta acometerá tamén a renovación da capitanía, o bulevar dos locais, os pantaláns e outras instalacións náuticas e pesqueiras, cun orzamento conxunto de 17 millóns de euros. En Portonovo construirase o novo aparcadoiro de San Roque, unha obra de 1,5 millóns para dotar á zona de 60 prazas nos terreos adquiridos o pasado verán.
En paralelo, Ínsula impulsará a urbanización do PEI 17, un solo de 4.700 metros cadrados xunto á igrexa de Sanxenxo onde se proxectan 40 vivendas públicas, ademais da adquisición de novo solo urbanizable por valor de 3,5 millóns para seguir ampliando a oferta residencial alcanzable.
O Concello admite que moitas destas actuacións pasarán o calendario dun só exercicio. "O obxectivo é polas en marcha en 2026", sinalan, aínda que pola súa complexidade algunhas se estenderán a 2027 e mesmo 2028. O importante, insisten, é activar a maquinaria.