As obras de transformación do antigo colexio O Cruceiro avanzan a bo ritmo, coa instalación da carpintaría exterior e as divisións interiores que darán forma a un espazo completamente renovado e cheo de vida.
Este edificio histórico prepárase para acoller unha ambiciosa oferta de servizos: un ciclo de Formación Profesional Dual de Hostalaría e Restauración, unha biblioteca moderna e un centro social pensado especialmente para persoas maiores. Ademais, o proxecto inclúe a creación dun aparcadoiro, zonas axardinadas, espazos de descanso ao aire libre e dúas pistas de petanca, fomentando así a convivencia e o benestar.
"Esta actuación dotará á parroquia dun equipamento multixeracional en pleno centro urbán que xunto coa remodelada Praza Pública convertíranse en eixo da actividade social e cultural", sinalou o alcalde Telmo Martín durante a visita ás obras.
Martín estivo acompañado polos concelleiros Yago Torres (Medio Ambiente, Mantemento e Servizos), Paz Lago (Servizos Sociais e Maiores) e Nati Parada (Educación), así como polos técnicos responsables do proxecto e representantes da empresa adxudicataria.
No que antes era o ximnasio do colexio está a habilitarse un amplo centro social de 375 metros cadrados. Este espazo contará cun escenario e zona de baile, ademais dunha cafetaría, podendo funcionar xuntos ou de forma independente segundo a ocasión.
Tamén na planta baixa situarase a nova biblioteca municipal, con 185 metros cadrados que incluirán zona de estudo, espazo infantil, ordenadores, arquivo e aseos. Como valor engadido, disporá dun acolledor patio axardinado para lecturas ao aire libre, presentacións de libros ou actividades infantís.
Ambos os espazos –biblioteca e centro social– terán accesos e servizos propios, o que permitirá que funcionen de forma independente ao resto do edificio, mesmo con horarios distintos.
Nas plantas superiores, que suman máis de 1.000 metros cadrados, situarase o ciclo de FP Dual de Hostalaría e Restauración. Este centro educativo contará con aulas polivalentes, talleres de cociña e restaurante, e até un bar de prácticas. Todo iso conectado mediante un ascensor para facilitar a accesibilidade.
A intervención non só céntrase na funcionalidade, senón tamén na eficiencia enerxética xa que o edificio contará con paneis solares, iluminación LED e unha envolvente renovada con novos illamentos e carpintaría exterior.
A previsión é que as obras conclúan no primeiro trimestre de 2026, deixando como resultado un espazo moderno, sostible e pensado para dar resposta ás necesidades formativas, culturais e sociais de Sanxenxo.