Sanxenxo conquista corazóns. Durante o mes de xullo, os puntos de información turística de Sanxenxo e Portonovo recibiron a 1.734 visitantes, e o máis rechamante é que case dous de cada tres (63,21%) chegaban por primeira vez ao municipio.
A gran maioría de quen se achegaron ás oficinas de turismo eran viaxeiros nacionais, que representaron o 88,69% do total.
Madrid, Castela e León, o País Vasco e Galicia encabezaron o ranking de comunidades máis namoradas deste destino costeiro.
No lado internacional, até 14 nacionalidades diferentes fixeron acto de presenza, destacando visitantes de Portugal, Francia e Alemaña.
Respecto ao perfil de quen elixen Sanxenxo como o seu lugar de descanso, a franxa de idade predominante está entre os 35 e os 60 anos (49%), seguida polos maiores de 60 (23%).
Os máis novos (menores de 35) tamén se deixaron ver, representando un 27% do total.
E onde se aloxan? Aínda que o hotel segue sendo a opción favorita (46,27%), os apartamentos gañan terreo cun 32%, e non faltan os máis aventureiros que optan por cámpings (6,37%) ou pensións (2,31%).
En canto á duración das vacacións, a maioría elixiu estancias de entre 3 e 6 días, aínda que moitos se animaron a quedar até 10 días, gozando das praias, a gastronomía e o encanto das Rías Baixas.