Pontevedra propón un plan de rescate "a tres bandas" ante unha economía "agonizante"

Pontevedra
18 de xaneiro 2021

Este plan de rescate debería ser, segundo Anabel Gulías, un programa no que participen a Xunta de Galicia, as deputacións provinciais e os concellos. Todos eles deben ter "altura de miras" e traballar nunha iniciativa conxunta "na que todos arrimemos o ombreiro", engadiu

Anabel Gulías, portavoz do goberno municipal
Anabel Gulías, portavoz do goberno municipal

O goberno municipal de Pontevedra entende que todas as administracións deben "pasar á acción" e alcanzar un "gran acordo" para paliar os efectos da pandemia da covid-19. Así o sinalou a súa portavoz, Anabel Gulías, ante unha "preocupante" terceira vaga "que é un feito".

Tras recoñecer que a pandemia "nos colleu co pé cambiado a todos", o executivo local de Pontevedra ve "necesario" deseñar un "plan de rescate estrutural" que axude aos afectados a combater a súa "situación agonizante" desde o punto de vista económico e social.

Este plan de rescate debería ser, segundo Gulías, un programa no que participen a Xunta de Galicia, as deputacións provinciais e os concellos. Todos eles deben ter "altura de miras" e traballar nunha iniciativa conxunta "na que todos arrimemos o ombreiro", engadiu.

Pontevedra entende que o "temón" deste plan debe recaer na Xunta de Galicia, ao ter as principais competencias. Así o reflicten na carta que lle enviarán ao presidente do goberno galego, Alberto Núñez Feijóo.

Debe ser un plan "inmediato" porque os afectados "non poden esperar máis" e ser "simple" e cunhas bases "claras", apuntou a portavoz do goberno municipal pontevedrés. 

O diñeiro para sufragar este plan de rescate, segundo o executivo de Pontevedra, debería saír de maneira "proporcional" das "tres patas" deste programa, de forma que cada unha das administracións destine o mesmo porcentaxe dos seus respectivos orzamentos.

Trátase, segundo Gulías, dunha proposta " xenerosa" por parte das entidades locais, xa que lembrou que estas, a pesar de afrontar cuantiosos gastos pola pandemia, non recibiron do Estado ningún "recurso extra" como si tivo a Xunta de Galicia.