A gastronomía pontevedresa asomará á pequena pantalla para mostrar a súa calidade e o seu bo facer aos espectadores de toda España.
Será a través do programa 'De tapas por España', emitido por La 2 de TVE, un formato que convida a percorrer o país a través da súa historia, a súa arte e a súa rica tradición gastronómica.
Pontevedra é unha das cidades seleccionadas para formar parte da terceira tempada deste formato, presentado por Adrienne Chaballe.
As gravacións do programa, que se realizarán esta semana, buscan mostrar como a identidade galega se reflicte na cociña pontevedresa.
A ruta percorrerá enclaves emblemáticos como a Praza da Leña, a Praza da Peregrina, a Basílica de Santa María a Maior ou a Ponte do Burgo.
A produtora de 'De tapas por España', Atlántida Productions, avanza que Adrienne Chaballe iniciará a súa aventura entrando no casco antigo pola Rúa Charino, até chegar á súa primeira parada no Bar Estrella.
Alí, a súa xerente Angélica Suarez mostraralle a elaboración do caldo galego, explicándolle o valor do produto local e o seu contexto histórico-cultural.
A ruta gastronómica continuará en casa Fidel (O Pulpeiro), un lugar para aprender as técnicas que permiten manter a esencia da cociña galega e a preparación do polbo a feira baixo a experiencia da súa xerente, Luisa Rodríguez.
Adrienne continuará visitando a Antonio Novas (Trasmallo), quen lle descubrirá distintas elaboracións e a importancia da orixe do produto das Rías Baixas, observando como se combinan tradición da lonxa e creatividade cun toque actual.

O programa busca mostrar tamén que Pontevedra é unha cidade cun centro histórico peonil moi coidado, prazas cheas de vida e un patrimonio arquitectónico sorprendente.
Por iso é polo que vaia participar tamén a guía Inés Brandido, quen ensinará á presentadora a evolución do espazo urbano pontevedrés e o seu impacto social ao longo do tempo, especialmente da Praza da Ferrería e do santuario da Peregrina.
Para recuperar forzas, Adrienne camiñará até a Praza da Leña, onde lle esperará Iñaki Bretal (O Eirado), quen lle mostrará a súa cociña baseada en bivalvos e cefalópodos.
Co estómago saciado, Adrienne visitará o convento de San Francisco, será recibida polo superior José Antonio Castiñeira e os irmáns da congregación franciscana, quen lle relatarán os enclaves da súa historia e fe.
A inmersión na cultura local seguirá no mercado municipal, onde percorrerá os distintos postos acompañada do xornalista gastronómico Guillermo Campos, conversará cos comerciantes e descubrirá produtos específicos da ría e do campo galego.
Posteriormente, a presentadora visitará a Basílica de Santa María a Maior, onde o seu arquiveiro cóengo Alfonso Fernández explicaranlle elementos concretos do templo, como a súa fachada, os cruceiros e algunhas das pezas artísticas máis representativas do seu interior.
Como peche da ruta, Adrienne desprazarase até Poio, ao restaurante Casa Solla de Pepe Solla, quen lle deleitará con elaboracións que reinterpretan a tradición galega desde unha perspectiva contemporánea, traballando con produtos locais e técnicas innovadoras.