Pontevedra regresará a Fitur como cidade vibrante e disposta a acoller o visitante

Pontevedra
07 de maio 2021

Tras os adiamentos causados pola pandemia, Fitur 2021 celebrarase en Madrid do 19 ao 23 de maio. A Feira que constitúe o grande escaparate para fomentar o turismo en todo o Estado contará coa presenza da cidade de Pontevedra o venres 21 de maio

Presentación da campaña que realizará Pontevedra en Fitur 2021 Concello de Pontevedra

Tras os adiamentos causados pola pandemia, Fitur 2021 celebrarase en Madrid do 19 ao 23 de maio. A Feira que constitúe o grande escaparate para fomentar o turismo en todo o Estado contará coa presenza da cidade de Pontevedra o venres 21 de maio ás 10:30 da mañá.

Para esta cita, a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, estará acompañada polo tenente de Alcalde Tino Fernández e polo escritor pontevedrés, Manuel Loureiro "que no seu último libro 'La puerta' lévanos por toda a cidade de Pontevedra" e é un escritor internacional.

Do mesmo xeito, o artista Pablo Méndez e a súa compañía, tras o último éxito no programa de televisión Got Talent e con actuacións "en todos os continentes excepto Oceanía", como lembraba o propio Méndez, achegará Pontevedra os touroperadores a través dunha peza audiovisual cargada de simbolismo e evocadora de seres máxicos, os faunos, que habitan a cidade e que convidan a todos a descubrir cada recuncho dela.

"O noso sector é un dos castigados e que volva o turismo, a festa, os visitantes, axuda á nosa recuperación", manifestaba Pablo Méndez, quen cedeu o seu traballo ao Concello sen percibir ningún tipo de remuneración para apoiar á recuperación da actividade, un empeño no que "gañamos todos". Precisamente no vídeo, editado por Fernando Portela, vese unha cidade vibrante, que amosa diversión, cultura, celebración ou vida nas terrazas.

O vídeo que se presentaba este venres forma parte dunha peza promocional máis ampla que será a que se proxecte en Fitur. Ademais, á feira de Turismo, a concelleira avanza que tentarán trasladar ao visitante a importancia de vivir experiencias. Deste xeito, amosarán un proxecto novidoso no que, a modo de xogo, os turistas terán a oportunidade de responder a unhas preguntas como se dunha procura do tesouro se tratase. Os vencedores, poderán acceder a un dos agasallos que se conteñen na chamada Caixa Branca, outra das sorpresas que Visit Pontevedra levará a Fitur e que consiste nunha caixa deseñada no Centro Ocupacional Xoán XXIII e que acolle diversos produtos de merchandising.

A campaña de posta en valor da cidade complétase coa edición dun libro no que participan xornalista e fotógrafos vinculados a Pontevedra e que fai un percorrido pola parte máis emocional. O caso dos profesionais de PontevedraViva Álex Espiño e Cristina Saiz. "Eses retrincos da alma que se recollen no noso libro de destino, ‘Pontevedra de corazón’, unha publicación de 72 páxinas no que Pontevedra fala de si mesma a través dos pequenos textos nos que unha trintena de persoas de diferentes ámbitos achegan a súa particular visión da cidade: descricións vitais, descricións concretas, tons poéticos, recordos ou evocación de lugares, momentos e personaxes que compoñen un  caleidoscopio de miradas múltiples", explicou Yoya Blanco.