Pontevedra reivindícase como destino turístico de calidade ante 20 axencias de viaxes de toda España

Pontevedra
03 de xullo 2021

Un total de 20 axencias de viaxes toda España, acompañadas por representantes das axencias locais e da Asociación de Hoteleiros de Pontevedra, participan desde este venres no Fam trip que organiza o Concello no marco do Plan Supera en colaboración coa Asociación provincial de axencias de viaxe    

Workshop no Galicia Palace con axencias de viaxes Concello de Pontevedra

Un total de 20 axencias de viaxes toda España, acompañadas por representantes das axencias locais e da Asociación de Hoteleiros de Pontevedra, participan desde este venres no Fam trip que organiza o Concello no marco do Plan Supera en colaboración coa Asociación provincial de axencias de viaxe.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, déronlle a benvida aos participantes este sábado nun workshop no Galicia Palace e enmarcaron esta iniciativa no compromiso do goberno municipal de incentivar o dinamismo económico na cidade. 

Lores destacou especialmente o compromiso referido ao sector turístico para a organización de xuntanzas de traballo e eventos de promoción específicos para este sector e de incluílos no Plan de reactivación económica ‘Supera 21’.

O alcalde falou tras unha presentación da presidenta da asociación provincial de axencias de viaxes, Mar Rodríguez, e centrouse en salientar os recursos culturais e turísticos de Pontevedra, ao tempo que puxo en valor a singularidade da cidade en relación ao seu modelo urbano, por ser un referente de cidade amable e da calidade de vida que ofrece para veciñanza e visitantes. 

Na súa intervención, tamén fixo referencia aos recursos turísticos do conxunto das Rías Baixas e convidou ás axencias estatais a que considerasen Pontevedra como un destino de turismo de calidade “porque non decepcionaría senón todo o contrario”.

Durante tres días, os participantes percorrerán distintos puntos de Pontevedra e da contorna, acompañadas por axencias de viaxes pontevedresas e polos hoteleiros da cidade.

No programa de actividades contémplanse visitas á senda do río Gafos, como alternativa ao Camiño portugués; as sendas do Lérez; os xardíns do pazo de Lourizán, e un percorrido pola cidade que inclúe San Domingos, A Peregrina, Santa María e o Museo Provincial. 

Todos os xantares deste programa vanse realizar en locais da hostalería de Pontevedra para dar a coñecer a variedade gastronómica da cidade.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora