Pontevedra renega da bandeira azul para a praia e a senda do Lérez

Pontevedra
30 de maio 2022

Ambos os espazos cumpren cos requisitos esixidos por Adeac, pero desde o Concello dubidan da conveniencia de solicitar un distintivo que choca cos valores do desenvolvemento sostible, a conservación dos espazos naturais e a loita contra o cambio climático

Praia fluvial do Lérez
Praia fluvial do Lérez /

A repartición de bandeiras azuis para a próxima campaña estival está decidida e entre os municipios galardoados non está Pontevedra. A praia fluvial do Lérez así como a senda do río reúnen os requisitos para conseguir o distintivo, pero o Concello non o solicitou.

"Temos dúbidas porque o modelo das bandeiras azuis é un modelo que responde a épocas dos anos 90 ou principios dos 2000, esixen tantos servizos que ás veces chocan cos valores de sustentabilidade e de loita contra o cambio climático", explica o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes.

O responsable deste departamento explica que o principal requisito para conseguir a bandeira azul pasa por encadear dous anos consecutivos con resultados óptimos nas análises da calidade da auga. Un parámetro que a praia fluvial do Lérez xa ten cumprido. Ademais, outras esixencias como contar con duchas, accesos para persoas con mobilidade reducida ou socorristas tamén están conseguidos "e os que aínda non cumprimos, poderían conseguirse sen grandes dificultades", puntualiza Puentes.

"Pero temos dúbidas", recoñece o socialista. Por unha banda, critica que o sistema de Adeac "choca cos principios de preservación da natureza salvaxe". Neste sentido pon como exemplo ao Concello de Valdoviño, que renunciou á bandeira azul do areal da Frouxeira, unha das praias máis icónica de Galicia, por este mesmo motivo.

En cambio, tamén admite Puentes que lucir este distintivo serviría para despexar dunha vez por todas o estigma que aínda pesa sobre o Lérez desde a época de Tafisa. "Sería importante para que a xente vise mellor o río", contrapón o edil, quen remarca que as augas do Lérez ao longo de todo o curso cumpren con todos os parámetros de calidade.

Con respecto ao carreiro da ribeira do Lérez, que está declarado como Ben de Interese Cultural (BIC), a situación é similar. "A ver se non choca cos requisitos", sinalan desde a concellería de Medio Natural na que esperarán ao próximo ano para decidir se presentar unha candidatura para a que reúnen todas as esixencias.