O Concello de Pontevedra avanza esta semana na renovación da súa rede viaria con novas obras de asfaltado na avenida de Corvaceiras e na avenida do Uruguai.
Os traballos forman parte dun plan global de máis de 4,44 millóns de euros que permitirá actuar sobre case 40 quilómetros de vías do centro urbano, do rural e de polígonos industriais.
Trátase do maior contrato de rehabilitación de firmes executado até agora polo Concello.
No caso de Corvaceiras, o fresado realizouse este luns e a pavimentación está a executarse entre luns e martes.
Pola súa banda, na avenida de Uruguai os labores concéntranse no carril máis próximo ao Lérez, no tramo situado entre a ponte da Barca e o Náutico.
Para compaxinar as obras coa circulación, o Concello estableceu un dispositivo de tráfico que mantén aberto o carril contrario en ambas as avenidas, que contan con dous carrís por sentido.
Estas actuacións dan continuidade a outras intervencións recentes na cidade, como o asfaltado da rúa Doce de Novembro e a mellora de Xosé Malvar, entre as glorietas de Loureiro Crespo e Valdecorvos.
Unha vez conclúan os traballos actuais, a maquinaria seguirá por outros puntos de Pontevedra antes e despois das Festas da Peregrina. A previsión é actuar en vías como José Adrio, a contorna da ponte dos Tirantes, Cobián Roffignac, Alameda, avenida de Vigo, San Pedro Alcántara, Monteleón, Pedro Mariño de Lobeira, Celestino Poza, Uxío Novoneyra, A Parda, Monte Porreiro, Estribela ou O Burgo, entre outras.
O plan tamén avanza no medio rural, onde este martes se completou o asfaltado no Marco, en Lourizán, e xa está executada a pavimentación de algo máis de medio quilómetro entre O Bispo e Soutonovo, en Campañó, xunto aos traballos en Lampreeira, en Alba, e nos lugares de Banqueira e Barragáns.
Esta semana tamén comezará a pavimentación do acceso ao novo campo de fútbol de Salcedo.
En agosto será a quenda dos parques empresariais do Campiño e O Vao, onde se renovará o 100% da superficie de rodaxe sobre case 44.000 metros cadrados.
O contrato de rehabilitación de firmes supón un investimento total de 4.444.436 euros, a maior destinada até agora polo Concello de Pontevedra á seguridade viaria e ao mantemento da rede municipal.
O proxecto está dividido en catro lotes adxudicados á empresa E.C. Casas, que encárgase das melloras no centro urbano e na zona periurbana e barrios, e a COVSA, que executa as actuacións no medio rural e nos polígonos industriais.
Ademais de renovar o asfaltado, a intervención inclúe medidas de acougado do tráfico con novos reductores de velocidade e a renovación completa da sinalización horizontal e vertical.