Pontevedra renova a súa devoción pola Virxe Peregrina

Pontevedra
11 de agosto 2024

O presidente da Xunta de Galicia asistía a este acto relixioso xunto a outros representantes institucionais como o presidente Luis López e os vicepresidentes Rafa Domínguez e Luisa Sánchez da Deputación de Pontevedra nunha comitiva liderada polo arcebispo de Santiago, Francisco Prieto

Procesión da Virxe Peregrina Xunta de Galicia

Este domingo 11 de agosto, as rúas de Pontevedra foron escenario da solemne procesión nocturna da Virxe Peregrina, un dos actos centrais das Festas da Peregrina.

A procesión, que partiu do santuario, congregou a centos de persoas devotas que acompañaron á patroa da provincia no seu día grande.

Entre os asistentes destacou a presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, xunto con outras autoridades como o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e os seu vicepresidentes, Rafa Domínguez e Luisa Sánchez.

Tamén participaron o delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e un grupo numeroso de representantes políticos, principalmente do Partido Popular como a alcaldesa de Marín, María Ramallo ou a senadora Pepa Pardo.

A comitiva, liderada polo arcebispo de Santiago, Francisco Prieto, que percorreu o tradicional itinerario polo centro da cidade, estivo amenizada pola Banda de Música de Pontevedra e contou coa participación da Brigada Galicia VII (Brilat), entre outros.

A Virxe Peregrina, engalanada co manto de gala, foi levada na carroza mentres a cidade lucía adornos florais e colgaduras en honra a ela.

O evento concluíu coa tradicional danza gremial das cintas realizada pola Agrupación Duos Pontes de Pontevedra, pechando así unha noite cargada de fervor e tradición dentro das Festas da Peregrina.