O Concello de Pontevedra avanza no novo modelo de xestión de residuos da man da empresa concesionaria do servizo, PreZero.
Xa é visible a substitución dos antigos contedores en boa parte da área urbana e das parroquias. A implantación está a ser progresiva até completar a colocación de 4.000 novos contedores, que rematará nos vindeiros meses.
O obxectivo principal é transformar os residuos en recursos cun novo valor, por iso é fundamental, ademais de reducir, reutilizalos.
Neste proceso, a cidadanía convértese en peza clave. A correcta separación dos residuos e o seu depósito no contedor axeitado resultan fundamentais para que a reciclaxe sexa efectiva.
CONTEDORES MÁIS ACCESIBLES
Os novos contedores presentan un cambio notable de deseño e prestacións con respecto aos anteriores. Teñen máis capacidade, son máis accesibles e favorecen que as persoas -independentemente da súa condición física ou idade- os poidan usar correctamente.

COMO SEPARAR CORRECTAMENTE OS RESIDUOS
A clasificación dos restos realízase en función da cor do contedor de destino, asociada a cada tipo de residuo ou material.
Amarelo: o lugar dos envases lixeiros. Nel deposítanse os envases de plástico, como botellas, bolsas non compostables ou envoltorios tipo filme e os briks. Tamén os envases de metal (como as latas de aluminio dos refrescos), e mesmo algunha embalaxe de madeira.
Azul: o do papel e o cartón. É o contedor para depositar as caixas e embalaxes de cartón, folios, xornais, folletos do supermercado, revistas... todo o que sexa papel ou cartón limpo. Un erro común é depositar nestes contedores os papeis de cociña usados (que deben ir ao de biorresiduos).
Verde: o recanto do vidro. Destínase exclusivamente aos envases de vidro: frascos, botes e tarros. Teñen que ir sen tapas nin tapóns e neste contedor non se debe deixar o cristal, só o vidro.
Marrón: o da materia orgánica. É o espazo para depositar os residuos orgánicos ou biorresiduos, é dicir, todos os materiais que se poidan compostar como os restos de comida, as froitas e hortalizas, as plantas, os panos de mesa ou o papel de cociña usados. É importante recordar que todo o que non poida transformarse en compost debe quedar fóra deste contedor.
Gris: a fracción resto. É unha das novidades na renovación de contedores da cidade. Nel deposítanse todos os residuos que non teñan cabida nos outros contedores e que tampouco poidan levarse a un punto limpo: utensilios de cociña, cabichas, po de varrer e todos aqueles residuos que non se poidan reciclar nin transformarse en compost. É antigo colector verde.


RECOLLIDA ESPECÍFICA DE RESIDUOS DOMÉSTICOS
A renovación de contedores complétase cos específicos para determinados residuos: pilas e aceites de uso doméstico.
Contedor de pilas: Localízanse en edificios municipais e establecementos colaboradores. Neles deposítanse as pilas e os acumuladores de uso doméstico.
Contedores de aceite de cociña: Para a recollida de aceite usado de cociña de uso doméstico (e tamén os de latas de conserva) que permiten desbotar este residuo dun xeito cómodo e sostible. Localízanse en diferentes puntos da cidade.
INFORMACIÓN ACTUALIZADA PARA A VECIÑANZA DE PONTEVEDRA
Co obxectivo de manter informada á cidadanía de Pontevedra sobre as novidades do servizo, PreZero e o Concello de Pontevedra dispoñen dun espazo web específico onde se pode consultar toda a información relativa aos novos contedores, a compostaxe e o sistema de recollida de residuos. www.residuos.pontevedra.gal
A renovación do equipamento e a implicación da veciñanza sitúan a Pontevedra nun novo escenario de responsabilidade ambiental, no que a reciclaxe se consolida como un hábito imprescindible para construír unha cidade máis limpa e sostible.