O concelleiro de Servizos Urbanos Básicos, Xaquín Moreda, acompañado de representantes da empresa PreZero, presentou este venres 27 de febreiro a nova fase de contenerización de residuos en Pontevedra.
Este proceso supón unha renovación integral do mobiliario urbano de limpeza, marcada polo cambio de cores nas fraccións e a aposta definitiva pola separación na orixe.
O proceso de instalación, que abrangue tanto o centro urbano como as parroquias rurais, seguirá un cronograma pechado para garantir a transición ao novo modelo:
Os contedores grises (Fracción resto) comezarán a instalarse na noite deste venres ao sábado. Substituirán aos antigos colectores verdes.
Os colectores marróns (Biorresiduos) serán instalados na última semana de marzo.
O goberno local e a empresa PreZero, adxudicataria do servizo, prevén que todo o proceso de contenerización estea completado na última semana de abril.
Xustamente este venres finalizaba a instalación dos novos colectores verdes destinados exclusivamente ao vidro, completando así as illas xa existentes de papel/cartón (azul) e envases (amarelo).
Xunto a estes recipientes, a veciñanza xa dispón de 32 colectores de aceite doméstico totalmente operativos tanto no rural como no centro urbano.

O novo contrato de residuos contempla a instalación de 3.177 colectores en todo o municipio.
O plan de mellora tamén afecta a outros servizos de limpeza:
-
Recollida de voluminosos: O sistema cambia para ser máis eficiente. En lugar de deixar os mobles ou electrodomésticos ao lado do colector, a veciñanza poderá concertar unha cita por teléfono coa empresa de recollida para entregalos directamente baixo demanda.
-
Compostaxe: A rede de centros de compostaxe comunitaria medrará de forma importante, pasando dos 31 actuais ata os 100 previstos. A primeira semana de marzo comezará o traballo de campo para situar os primeiros 12 novos centros.
Para evitar confusións, especialmente co cambio do colector de lixo xenérico (que pasa de verde a gris), o Concello lanzará unha ofensiva informativa baixo o lema "separar, separar e separar".
Repartiranse 27.000 folletos en todos os domicilios de Pontevedra. Este material visual explicará que depositar en cada recipiente e incluirá información sobre a recollida de pilas e os futuros puntos limpos móbiles.
