Pontevedra "saca peito" contra o cancro de mama

Pontevedra
19 de outubro 2020

A Asociación Española Contra o Cancro conmemora o día mundial do cancro de mama coa repartición de lazos rosas, incidindo na importancia de investigar e poñendo o foco sobre o risco que a covid-19 representa para as pacientes

Pontevedra conmemora o día mundial contra o cancro de mama
Pontevedra conmemora o día mundial contra o cancro de mama / Mónica Patxot

As rúas de Pontevedra énchense de lazos rosas. Este luns conmemórase o día mundial do cancro de mama e, como é costume, a agrupación local da Asociación Española Contra o Cancro volveu saír á rúa para darlle visibilidade a unha enfermidade que no que vai de ano fóiselle diagnosticada a 700 pontevedresas.

Aínda que a xornada está dedicada a aquelas pioneiras que nos anos 70 comezaron a organizarse en asociacións para dar a coñecer esta doenza, de aí parte o lema "Saca Peito", o día está irremediablemente marcado pola pandemia da covid-19.

"Que a xente saiba que estivemos aí desde que empezamos co confinamento. O que máis se necesita é apoio emocional, pero tamén económico", sinala a presidenta do colectivo pontevedrés, Carmen Abeledo.

"Houbo moita xente que quedou sen traballo e o cancro representa un gasto económico mensual importante", remarca a presidenta incidindo tamén na extraordinaria situación sanitaria que "atrasou cirurxías e tratamentos, o que provoca queixas e medo de que a cousa non volva ao seu leito".

O medo ao contaxio é outro factor que agrava a situación das pacientes. "Todos os pacientes con cancro son inmunodeprimidos e se collen o coronavirus o risco será máis elevado, pero tamén se saben protexer e seguir as indicacións dos oncólogos", sostén a dirixente dunha asociación que durante a pandemia tamén prestou apoio a toda a sociedade de Pontevedra afectada pola covid-19.

Durante toda a mañá, voluntarios da agrupación permaneceron na praza da Peregrina á que se achegou moita xente para informarse, solicitar apoio ou colaborar co colectivo a través da compra de merchandising. O recadado será destinado principalmente á investigación contra este tipo de cancro.

"Sen investigación non hai curación", subliña Abeledo, quen destaca tamén a importancia do apoio psicolóxico, social  logopédico de "un voluntariado sen o que a asociación non podería ter tanta actividade nin repercusión".