Pontevedra seguirá limitando o tráfico para crear zonas de baixas emisións

Pontevedra
09 de decembro 2021

Antes de 2023 todas as cidades con máis de 50.000 habitantes deberán contar con zonas de baixas emisións para mitigar a contaminación provocada polo tráfico. É unha decisión de obrigado cumprimento, ao figurar nunha lei aprobada recentemente polo Goberno central

Avenida Raíña Vitoria pechada ao tráfico
Avenida Raíña Vitoria pechada ao tráfico / Mónica Patxot

Antes de 2023 todas as cidades con máis de 50.000 habitantes deberán contar con zonas de baixas emisións para mitigar a contaminación provocada polo tráfico. É unha decisión de obrigado cumprimento, ao figurar nunha lei aprobada recentemente polo Goberno central.

Hai uns vinte días, o Ministerio para a Transición Ecolóxica publicou as directrices baixo as que se regularán estas zonas de baixas emisións que, no caso de Pontevedra, tamén provocarán consecuencias na circulación do tráfico rodado.

O edil César Mosquera explicou que o goberno municipal descartou dúas das tres vías que propón Transición Ecolóxica para habilitar estas zonas nas cidades.

Así, Pontevedra non está disposta a prohibir a circulación de vehículos que non dispoñan de distintivo ambiental, é dicir os coches diésel matriculados antes de 2014 e os de gasolina rexistrados antes de 2006, ao entender que sería "discriminatorio".

Tampouco aceptará, como xa fan outras urbes, implantar unha peaxe por entrar, circular ou estacionar en certas zonas, porque "defendemos que circule quen o necesita e non quen poida pagar", sinalou Mosquera. Non se establecerán sistemas tipo ORA nin zonas azuis.

A terceira alternativa sería a que, a xuízo do goberno pontevedrés, adaptaríase mellor á realidade urbana de Pontevedra: limitar progresivamente o tráfico en todo o ámbito urbano, adoptando máis medidas de humanización e acougado da circulación.

"A nosa situación é boa pero temos que optar por unha solución", asegurou o edil do BNG, que reiterou que a lei obriga ao Concello a realizar "axustes" para demostrar e certificar que se reducen as emisións contaminantes derivadas do tráfico.

A este respecto, o Concello asegura ter "identificadas" áreas nas que advirte dun nivel aínda excesivo de coches, especialmente no eixo formado por Echegaray, Alameda, Augusto García Sánchez ou Eduardo Pondal, así como en todo o ámbito de Monte Porreiro.