Pontevedra ve "con bos ollos" o desenvolvemento de 2.000 novas vivendas entre A Parda e O Marco

Pontevedra
15 de maio 2025

Miguel Anxo Fernández Lores amosou a súa satisfacción por estes primeiros pasos á hora de crear unha nova bolsa de vivendas protexidas na Boa Vila, medrando a cidade cara a novos lindes

Área da zona leste na que se desenvolverán as novas vivendas
Área da zona leste na que se desenvolverán as novas vivendas / Concello de Pontevedra

O goberno municipal celebra o proxecto que impulsa a Xunta de Galicia, a través da consellería de Vivenda e Planificación das Infraestruturas, para desenvolver ata dúas mil novas vivendas entre A Parda e O Marco, das que a maioría terían carácter protexido como vivenda pública.

Todo este novo polígono a desenvolver, unha área de case 230.000 metros cadrados, está situado nos sectores B-2 e B-5 do planeamento urbanístico, entre A Parda, San Amaro, Conde Bugallal e o cruzamento do Marco.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, amosou a súa satisfacción por estes primeiros pasos á hora de crear unha nova bolsa de vivendas protexidas na Boa Vila, medrando a cidade cara a novos lindes, neste caso cara o sur da Parda e ao leste das vías do tren.

O proxecto deberá ser aprobado en pleno, unha vez estea listo.

Para desenvolver este polígono residencial, a Xunta de Galicia optou por declarar esta actuación como proxecto de interese autonómico (PIA), unha medida que Fernández Lores ve "con bos ollos" porque permitirá reducir os trámites administrativos.

A vía para desenvolvelo pode pasar por distintas opcións, desde expropiacións a acordos cos propietarios actuais das parcelas ou á posterior construción de vivenda protexida a través do propio IGVS ou de terceiros, entre elas cooperativas ou empresas.

O desenvolvemento desta área traería ademais consigo a urbanización de toda a zona, o que derivaría, por exemplo, na continuidade da rúa Virxinia Pereira cara á estrada de O Pino-Bora ou a apertura de novos viais para mellorar a mobilidade deste ámbito urbano.

O Concello, que xa está en contacto cos técnicos da Xunta, pedirá que se inclúan no proxecto "un par de consideracións".

A primeira delas é a inclusión dunha zona a maiores incluída no sector B-2, que no plan inicial non aparece, pero que non debería estar fóra xa que dificultaría a súa execución no futuro.

Doutra banda, estaría a zona verde de propiedade municipal, na que se sitúan as hortas urbanas, que o PIA non pode computalo como área verde no desenvolvemento deste polígono, tendo que asignar unha zona a maiores, xa que eses terreos xa son públicos.

"Eles méteno no PIA e poden metelo a efectos de pasar un viario, pero non o poden compatibilizar como zona verde porque xa é municipal. Podemos cederlles terreos, pero non pode computalo como tal. Teñen que corrixilo", explicou o alcalde.